INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA NOVAS ACCIÓNS FORMATIVAS SOBRE NORMATIVA ENERXÉTICA EDIFICATORIA COA ASOCIACIÓN CLÚSTER DA EFICIENCIA E A XESTIÓN ENERXÉTICA GALEGA

30/01/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia e CEXEGA veñen de asinar un convenio polo que se desenvolverán un total de catro cursos sobre Inspeccións e Eficiencia Enerxética en Edificios de aquí a xuño de 2011

- O obxectivo é concienciar aos profesionais que interveñen no procedemento de certificación enerxética das vivendas sobre a necesidade de ir introducindo medidas de aforro e eficiencia no sector para minimizar así os altos custos enerxéticos no ámbito da edificación

- O Instituto Enerxético de Galicia realiza estes cursos no marco da estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que conta cun orzamento total superior a 21 millóns de euros e coa que se prevé a xeración dun aforro enerxético de 193 mil MWh, unha redución na emisión á atmosfera de máis de 78 mil toneladas de CO2 e a creación dun investimento asociado en torno a 75 millóns de euros Inega-Cexega

Inega-CexegaSantiago, 30 de xaneiro de 2011.- A realización dun programa formativo composto por un total de catro cursos sobre Inspeccións da Eficiencia Enerxética en Edificios é o obxectivo dun convenio polo que se establecen as bases de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, e a Asociación Clúster da Eficiencia e a Xestión Enerxética Galega (Cexega).

O acordo foi asinado polo director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) de Economía e Industria e pola presidenta de Cexega, Sonia Pilar Gómez-Naveira Pérez. Para a realización do devandito programa formativo, a Consellería destinará un orzamento de 25.000 euros. O obxectivo destas actividades formativas é tomar conciencia acerca da necesidade de incentivar a eficiencia enerxética na edificación, ámbito que presenta un elevado consumo enerxético, así como incentivar a introdución de medidas de aforro e de eficiencia, co fin de reducir considerablemente os custos finais.

Os cursos, que serán presenciais e terán unha duración estimada de 30 horas, desenvolveranse nas cidades de Vigo, Santiago, A Coruña e Ourense. No conxunto formaranse a un total de 80 alumnos.

O Instituto Enerxético de Galicia realiza estes cursos no marco do seu programa formativo para este exercicio, como unha actuación máis que se enmarca na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que conta cun orzamento total superior a 21 millóns de euros e coa que se prevé a xeración dun aforro enerxético de 193 mil MWh, unha redución na emisión á atmosfera de máis de 78 mil toneladas de CO2 e a creación dun investimento asociado en torno a 75 millóns de euros.