INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FORMARÁ, DA MAN DO CONSELLO GALEGO DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS INDUSTRIAIS, AOS COLECTIVOS DA EDIFICACIÓN SOBRE A NOVA NORMATIVA DE CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA NO SECTOR

05/02/2011

- Un convenio entre o Instituto Enerxético de Galicia e o CGETI permitirá o desenvolvemento de seis cursos sobre esta materia, a través dos que se pretende reducir o custo enerxético no ámbito da edificación e minimizar o impacto ambiental

O director do Inega, Eliseo Diéguez, na sinatura do convenioSantiago, 5 de febreiro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, da man do director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, e o presidente do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Edmundo Varela Lema, vén de asinar un convenio para a realización de seis edicións do "Curso de Certificación Enerxética adaptado á Nova Normativa Enerxética Edificatoria".

Estes cursiños están dirixidos principalmente a axentes e colectivos da edificación co fin de poñelos ao día na nova Normativa Enerxética Edificatoria (actividades de formación, coñecemento e aplicación do procedemento de certificación enerxética de edificios, novo regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios e Documento Básico de Aforro de Enerxía do Código Técnico da Edificación), para a súa aplicación no desenvolvemento do seu traballo diario.

O Inega destinará un orzamento máximo de 25.000 euros a financiar estas actividades formativas que se desenvolverán de aquí ao 30 de xuño de 2011. O obxectivo final con estas accións formativas é lograr, mediante esta nova Normativa, minimizar o alto custo enerxético que presenta o sector da edificación mediante a introdución de medidas de aforro e eficiencia enerxética. Con este fin, o Instituto Enerxético de Galicia, está a desenvolver, no marco do seu programa formativo para este exercicio, cursiños destinados a formar e actualizar a todos os profesionais do sector.

Os cursos que se desenvolverán ao abeiro deste convenio serán presenciais, terán unha duración de 25 horas e neles formarase a un total de 150 persoas. A lexislación a aplicar na certificación enerxética de edificios, o estudo e interpretación de plans dun edificio e a realización de diferentes casos prácticos son outros dos eixos programáticos que se tratarán nos devanditos seminarios, que se impartirán nas cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.

O Instituto Enerxético de Galicia realiza estes cursos no marco do seu programa formativo para este exercicio, que desenvolve en colaboración co IDAE, como unha actuación máis que se enmarca na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que contan cun orzamento total superior a 21 millóns de euros, e coa que se prevé a xeración dun aforro enerxético de 193 mil MWh, unha redución na emisión á atmosfera de 78 mil toneladas de CO2 e un investimento asociado de 75 millóns de euros.