INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE CURSOS SOBRE SOLUCIÓNS INNOVADORAS PARA A EDIFICACIÓN, TALES COMO A DOMÓTICA NAS VIVENDAS, MEDIANTE UN CONVENIO COA FUNDACIÓN SOTAVENTO GALICIA

13/02/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia e a devandita asociación desenvolverán, a través dun convenio entre ambas partes, cinco cursos que se enmarcan na estratexia global da Xunta pola potenciación do aforro e da eficiencia, cuxo obxectivo final é minimizar o alto custo enerxético que presenta o sector da edificación e reducir o elevado consumo enerxético

Inega-SotaventoSantiago, 13 de febreiro de 2011.- Ao abeiro dun convenio de colaboración asinado polo director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, adscrito a Economía e Industria, e o xerente da Fundación Sotavento Galicia, Javier Núñez Baña, levaranse adiante cinco edicións da acción formativa "Certificación Enerxética de Edificios: Aplicación de Solucións Técnicas Innovadoras", que se desenvolverán na sede da devandita Fundación, sita no concello de Xermade, particularmente nas instalacións da vivenda bioclimática demostrativa de Sotavento.

Estas accións formativas están dirixidas principalmente a axentes e colectivos da edificación co fin de poñelos ao día na nova Normativa Enerxética Edificatoria (actividades de formación, coñecemento e aplicación do procedemento de certificación enerxética de edificios, novo regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios e Documento Básico de Aforro de Enerxía do Código Técnico da Edificación), para a súa aplicación no desenvolvemento do seu traballo diario.

O Inega destinará un orzamento máximo de 52.872 euros a financiar estas actividades formativas que se desenvolverán de aquí ao 15 de setembro de 2011, aínda que o convenio estará vixente ata o 30 de setembro. O obxectivo final con estas accións formativas é lograr, mediante esta nova Normativa, minimizar o alto custo enerxético que presenta o sector da edificación e reducir así o elevado consumo enerxético. Con este fin, o Instituto Enerxético de Galicia, está a desenvolver, no marco do seu programa formativo para este exercicio, cursiños destinados a formar e actualizar a todos os profesionais do sector.

Domótica nas vivendas

Estes cinco cursos terán unha duración, cada un deles, de 20 horas e formaranse a 25 alumnos por curso. A temática versará sobre as posibilidades que a domótica ofrece nas vivendas; a modelización da xestión enerxética; as solucións arquitectónicas innovadoras e as ferramentas de cualificación enerxética de edificios.

O Instituto Enerxético de Galicia realiza estes cursos no marco do seu programa formativo para este exercicio, que desenvolve en colaboración co IDAE, como unha actuación máis que se enmarca na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que conta cun orzamento total superior a 21 millóns de euros, e coa que se prevé a xeración dun aforro enerxético de 193 mil MWh e unha redución na emisión á atmosfera de 78 mil toneladas de CO2.