INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ACTIVARÁ UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN PARA ESTIMULAR A PARTICIPACIÓN CIDADÁ A FAVOR DUN USO RESPONSABLE DA ENERXÍA, A TRAVÉS DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

27/02/2011

- Un videoxogo interactivo que ten como protagonistas a Super-E e a Familia Efi, que dun xeito moi sinxelo axudarán ao usuario a construír unha casa modelo de aforro e eficiencia enerxética, será o eixo estrutural sobre o que pivotará esta iniciativa do Instituto Enerxético de Galicia, que se presentará o 4 de marzo nun acto conmemorativo do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética"

- O xogo co título "Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar" será accesible a través de Internet e pretende dar a coñecer pautas prácticas e sinxelas acerca de como aforrar enerxía

- Conseguir unha Galicia máis eficiente e sostible, obxectivo final desta iniciativa que se integra na aposta estratéxica da Xunta pola potenciación de políticas efectivas de utilización racional dos recursos enerxéticos en todos os sectores

InegaSantiago, 27 de febreiro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, da man do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), reforzará a súa aposta estratéxica pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética poñendo as novas tecnoloxías ao servizo do cidadán como instrumento proactivo para ir creando conciencia a prol dun uso máis racional da enerxía e, deste xeito, conseguir unha Galicia enerxeticamente máis eficiente e sostible e con menor dependencia exterior.

Baixo a premisa de desenvolver un labor de sensibilización social a través dos novos medios e tamén coa perspectiva de abordar o aforro en clave educacional, o departamento que dirixe Javier Guerra impulsará unha campaña de información e concienciación sobre un uso racional dos recursos enerxéticos, que busca a complicidade co interlocutor e que está dirixida principalmente a un público infantil-xuvenil.

O elemento central sobre o que se articula esta innovadora iniciativa constitúeo un videoxogo interactivo sobre o aforro enerxético no que os protagonistas, un superheroe da eficiencia, Super-E, e os seus achegados, a Familia Efi, servirán como modelo a seguir, sobre todo para os máis pequenos, de cara a converter a súa nova casa nun fogar exemplo de eficiencia.

As persoas que completen o xogo, que terá como lema "Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar" coñecerán, dun xeito fácil e lúdico, as medidas que hai que adoptar nun fogar para aforrar enerxía. O obxectivo é maximizar a divulgación das diferentes actuacións que o Inega, adscrito a Economía e Industria, desenvolve para instaurar políticas efectivas de utilización racional dos recursos enerxéticos.

Economía e Industria presentará este videoxogo interactivo o próximo venres, 4 de marzo, nun acto conmemorativo do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética", no que o Super-E e a Familia Efi tomarán vida en forma de monicreques. A iniciativa, que se desenvolverá no Hotel Monumento San Francisco, a partir das 11.15 horas, estará presidida polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e polo director do Inega, Eliseo Diéguez, nun acto público que contará con presenza maioritaria de escolares.

Sorteo final de agasallos

O videoxogo estará accesible en diferentes webs e medios dixitais para que todo aquel que o desexe o poida probar. Mediante a súa realización, o cidadán coñecerá pautas prácticas e sinxelas acerca de como aforrar enerxía. Todos os que rematen o xogo durante o tempo de vixencia da campaña (do 6 ao 25 de marzo) entrarán a participar nun sorteo final de agasallos. A entrega de premios aos gañadores será efectuada polo conselleiro de Economía e Industria e polo director do Inega, nun acto, que se desenvolverá no Auditorio do Hotel Monumento San Francisco o martes, 29 de marzo.

Xornada sobre aforro municipal

Ademais, como actividade complementaria aos actos conmemorativos do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética", o mércores, 16 de marzo, o Inega desenvolverá na EGAP unha xornada sobre "Sostibilidade Enerxética Municipal", que terá a potenciación do aforro e da eficiencia como eixo estrutural e na que se tratarán diversos casos prácticos sobre como os concellos poden chegar a conseguir un aforro considerable, económico e enerxético, ademais de contribuír a unha mellora da protección do medio ambiente.