INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

JAVIER GUERRA SALIENTA A IMPORTANCIA DAS NOVAS TECNOLOXÍAS NA TAREFA DE SENSIBILIZACIÓN CIDADÁ A PROL DO AFORRO E DA EFICIENCIA ENERXÉTICA

04/03/2011

- O titular de Economía e Industria presentou hoxe ante un grupo de escolares o videoxogo interactivo "Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar" no acto conmemorativo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética

- O xogo virtual sobre o aforro enerxético, que permitirá coñecer pautas prácticas e sinxelas de como aforrar enerxía, será accesible a través de Internet e de redes sociais para promover a máxima participación cidadá nesta tarefa colectiva, multiplicando así o efecto da mensaxe e incrementando a súa eficiencia

- As persoas que completen o videoxogo que ten como protagonistas a Super-E e a Familia Efi entrarán a participar nun sorteo final de máis de cen agasallos

- A Xunta reforza a súa aposta estratéxica pola potenciación da eficiencia e das enerxías renovables para facer de Galicia unha comunidade líder

- O Goberno galego está comprometido coa construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, baseado na potenciación das enerxías renovables nos máis diversos ámbitos e nunha nova dimensión do aforro e da eficiencia con políticas orientadas a todos os sectores económicos

Super-ESantiago, 4 de marzo de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe o videoxogo "Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar" deseñado para concienciar aos cativos sobre a importancia do uso responsable da enerxía, nun acto conmemorativo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.

"Trátase dunha iniciativa novidosa porque conxuga o uso das novas tecnoloxías e dos novos medios coa promoción do aforro enerxético; polo que esperamos teña unha boa receptividade entre a cidadanía e que sexan moitos os usuarios que a compartan, o que, sen dúbida, redundará na súa efectividade e eficiencia", explicou Guerra.

O videoxogo está protagonizado por un superheroe da Eficiencia e a súa familia, o Super-E e a Familia Efi, que axudan ao usuario a ir construíndo unha casa que é un modelo de aforro e eficiencia enerxética, aplicando sinxelas pautas de aforro. Os rapaces que completen o xogo terán a oportunidade de coñecer, dun xeito lúdico, as medidas que teñen que adoptar na súa casa para aforrar enerxía, que poden complementarse coas iniciativas aforro promovidas desde a Consellería de Economía e Industria, como o Plan Renove de Fiestras, o Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior ou o Plan de Vehículos Eficientes.

Os rapaces que rematen o xogo, accesible nas principais webs da Xunta, da Consellería de Economía e Industria, no Inega ou a través das redes sociais como Spotify e Tuenti, entrarán a formar parte do sorteo dun cento de agasallos consistentes en papaventos, bicicletas, monopatíns, patinetes, bodyboards e cepillos dentais solares. Este sorteo realizarase de xeito automático pola propia aplicación.

Esta iniciativa constitúe o elemento central sobre o que se artellará unha campaña formativa, divulgativa e participativa que Economía e Industria desenvolverá neste mes de marzo no eido dixital e nas redes sociais para impulsar a busca da eficiencia enerxética a través da complicidade co interlocutor.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, salientou que a Xunta de Galicia está comprometida coa construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, baseado na potenciación das enerxías renovables nos máis diversos ámbitos e nunha nova dimensión do aforro e da eficiencia na que Galicia está a ser unha comunidade pioneira, coa adopción de políticas que abranguen todos os sectores económicos e entre as que se atopan a posta en marcha de campañas de sensibilización como a que hoxe arranca.

Pola súa banda, o director do Inega explicou que "o obxectivo que perseguimos con este videoxogo é o de contribuír ao labor de divulgación para facer posible que o aforro e a eficiencia enerxética sexa cada vez máis unha tarefa de todos".