INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O VIDEOXOGO DO AFORRO ENERXÉTICO DE SUPER-E E A FAMILIA EFI DE ECONOMÍA E INDUSTRIA SUPERA AS 10.000 VISITAS DE 39 PAÍSES E DE 89 CIDADES DIFERENTES, NOS PRIMEIROS DÍAS DE FUNCIONAMENTO

15/03/2011

- O xogo virtual co lema "Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar" que o Inega ideou no marco da campaña de aforro que puxo en marcha con motivo do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética" pódese realizar ata o 25 de marzo inclusive, a través das webs da Xunta, da Consellería de Economía e Industria e do Inega, ademais de mediante medios dixitais e de redes sociais

- As máis de 2.800 persoas que ata o momento completaron o videoxogo entrarán a participar nun sorteo final de agasallos composto por papaventos, bicicletas, monopatíns, patinetes, bobyboards e cepillos dentais solares

- O conselleiro de Economía e Industria entregará o próximo 29 de marzo os regalos aos gañadores

Santiago, 15 de marzo de 2011.- A campaña de sensibilización a prol do aforro enerxético que a Consellería de Economía e Industria puxo en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) con motivo do “Día Mundial da Eficiencia Enerxética” e que ten como elemento estrutural o videoxogo interactivo do aforro enerxético protagonizado polo superheroe da eficiencia enerxética, Super-E e a Familia Efi, está a ter unha boa receptividade entre a cidadanía.

Así este xogo virtual, accesible en medios dixitais e redes sociais, ademais de nas webs da Xunta, da Consellería de Economía e Industria e do Inega, co que se trata de que o usuario constrúa a través de sinxelas pautas, unha casa exemplo de eficiencia enerxética, xa superou nestes nove primeiros días de funcionamento as 10.150 visitas. Isto dá unha media diaria de algo máis de 1.100 persoas que accederon á páxina www.eficiencia.xunta.es

Entrega de agasallos

Do total, 2.868 participantes completaron este xogo que ten como lema "Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar", o que lle dá acceso a participar nun sorteo final de agasallos correspondente a esta campaña, que fará de xeito aleatorio a propia aplicación como garante de obxectividade.

Os regalos, máis dun cento, consistirán en papaventos, bicicletas, monopatíns, patinetes, bodyboards e cepillos dentais solares e entregaranse nun acto que, presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, se desenvolverá en Santiago de Compostela o próximo 29 de marzo, e no que tamén participará o director do Inega, Eliseo Diéguez García.ç

Procedencia das visitas

A maior parte dos visitantes da páxina web www.eficiencia.xunta.es, onde se pode facer o dito videoxogo do aforro enerxético ata o próximo día 25 de marzo (data de finalización da campaña), proceden de Galicia, se ben houbo participantes de 39 países (entre os que se atopan Italia, Portugal, Holanda, Alemaña, Suíza, Uruguai, Finlandia, Arxentina, Estados Unidos, México, Francia, Venezuela, Reino Unido ou Mozambique) e de 89 cidades diferentes.

Modo de acceso

O 55% das persoas que acceden ao videoxogo fano de xeito directo mediante a páxina www.eficiencia.xunta.es; o 24% corresponden a entradas a través dos xornais electrónicos; o 15% contacta a través de redes sociais e o 6% por medio das páxinas da Xunta de Galicia, da Consellería de Economía e Industria e do Instituto Enerxético de Galicia.