INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA DA A COÑECER PAUTAS PARA REDUCIR O CONSUMO ENERXÉTICO DOS CONCELLOS, A TRAVÉS DE CASOS PRÁCTICOS DE APLICACIÓN DE DIFERENTES MEDIDAS DE OPTIMIZACIÓN ENERXÉTICA

16/03/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia desenvolve hoxe na EGAP unha "Xornada sobre Sostibilidade Enerxética Municipal"

- O director do Inega, salientou o carácter pragmático do encontro "no ánimo de dar unha mostra máis de apoio á Administración Local"

- Co encontro refórzase o carácter exemplarizante da administración, así como a sensibilidade que o departamento que dirixe Javier Guerra está a ter coas entidades locais

Sostibilidade Enerxética Municipal na EgapSantiago, 16 de marzo de 2011.- Explicar aos concellos, a través de casos prácticos, como poden chegar a aforrar enerxía e reducir os seus consumos. Este é o obxectivo prioritario da "Xornada sobre Sostibilidade Enerxética Municipal" que, promovida polo Instituto Enerxético de Galicia, adscrito a Economía e Industria, se desenvolve hoxe na EGAP, e que foi inaugurada polo director do Inega, Eliseo Diéguez García.

Este seminario, que se insire na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética e das enerxías renovables contará, como relatores, con expertos recoñecidos no sector, que darán a coñecer diferentes actuacións para propiciar o aforro nos concellos, a través da implantación de sinxelas medidas de optimización enerxética.

Ademais, co encontro preténdese reforzar o papel exemplarizante e de liderado que o sector público debe ter na promoción dunha política enerxética eficiente e sostible, o que esixe manter os consumos enerxéticos dentro dunhas marxes controladas.

O director do Inega remarcou "o carácter pragmático do seminario, no que ao longo da mañá se tratarán cuestións de utilidade para os concellos como, por exemplo, como poden chegar a aforrar ata un 40% optando polas novas tecnoloxías en iluminación pública; sobre as vantaxes que se poden obter mediante a contratación de servizos enerxéticos ou ben optando por unha determinada modalidade de contratación de electricidade".

Diéguez indicou que "o ánimo que guiou ao Inega na organización deste encontro foi o de dar unha mostra máis de apoio á Administración Local". Neste senso lembrou que desde Economía e Industria se está a facer un esforzo cos concellos, e así se demostrou co desenvolvemento do programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables, con liñas de subvención específicas para os concellos e cuxa contía subvencionable acadou nalgúns casos o 75%.

Reducir o gasto de iluminación

Así mesmo, o responsable do Instituto adscrito a Economía e Industria lembrou que "acabamos de poñer en marcha un proxecto piloto de iluminación LED na Administración Local, que ten carácter experimental e que ha servir como modelo a aplicar a outras entidades similares para conseguir reducir o consumo enerxética e económico".

Tras a inauguración, o director do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Inega, Emérito Freire Sambade, ofrecerá un relatorio sobre "A xestión enerxética sostible nas entidades locais". De seguido, será o director de Relacións Institucionais da Comisión Nacional de la Energía (CNE), Rafael Durbán Romero, quen falará acerca da desaparición das tarifas eléctricas e sobre as novas modalidades de contratación.

As novas tecnoloxías en iluminación pública centrará o relatorio de Camilo Carrillo, profesor do Departamento de Enxeñería Eléctrica da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo. Por último, a xefa da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega, Paula Uría Traba, expoñerá as opcións e servizos, de interese para os concellos, que as Empresas de Servizos Enerxéticos (ESEs) poden ofrecer. O encontro pecharase sobre as 13.45 horas, tras un coloquio con preguntas dos participantes.