INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA SALIENTA O ÉXITO DO VIDEOXOGO INTERACTIVO: SE ENERXÍA QUERES AFORRAR, POLA TÚA CASA DEBES EMPEZAR, PARA CONCIENCIAR DO AFORRO ENERXÉTICO

29/03/2011

- O xogo que inclúe sinxelas pautas de aforro da man dos protagonistas, Super-E e a Familia Efi, foi completado por 5.056 persoas durante os vinte días de vixencia da campaña, que puxo en marcha o Inega con motivo do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética"

- En total máis de 15.000 persoas visitaron a web www.eficiencia.xunta.es, de 44 países e de 99 cidades diferentes

- O director do Inega entregou hoxe os agasallos correspondentes ao sorteo que se realizou entre o conxunto de participantes que fixeron axeitadamente o xogo, e que consistiron en 10 bicicletas, 12 cepillos dentais solares, 30 papaventos, 20 monopatíns, 10 patinetes e 20 táboas de bodyboard

- O director do Inega asegurou que os máis novos demostraron nestes días que poden ser un "gran exemplo" para os maiores en temas de aforro e eficiencia enerxética á vista da participación no videoxogo

entrega de premios super-ESantiago, 29 de marzo de 2011.- "Ser eficiente significa facer máis con menos. E así o fixemos co videoxogo interactivo Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar, como se demostra nas máis de 5.000 persoas que desde o pasado 6 de marzo completaron este xogo virtual que estivo accesible a través de medios dixitais e de redes sociais como Tuenti ou Spotify". Así o subliñou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez, no acto de entrega de agasallos aos gañadores do sorteo correspondente á campaña divulgativa e de sensibilización sobre o aforro e a eficiencia enerxética que o Inega puxo en marcha con motivo do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética", o pasado 4 de marzo.

O sorteo realizouse entre o conxunto de persoas que realizaron axeitadamente o xogo entre o 6 e o 25 de marzo, datas nas que estivo activa a campaña de aforro que o Inega puxo en marcha con motivo do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética". A rifa realizouse de xeito aleatorio pola propia aplicación como garante de obxectividade. Os agasallos, únicos e intransferibles, consistiron en 10 bicicletas, 12 cepillos dentais solares, 30 papaventos, 20 monopatíns, 10 patinetes e 20 táboas de bodyboard.

O director do Inega destacou "a receptividade que tivo esta campaña de concienciación cidadá desenvolvida a través das novas tecnoloxías, mediante a que promovemos o aforro da enerxía con pautas sinxelas recollidas nun videoxogo, no que o usuario, da man dos protagonistas Super-E e a Familia Efi, construíron un exemplo de casa modelo de aforro e eficiencia enerxética".

Procedencia diversa

Asemade, asegurou que a iniciativa foi "todo un éxito" e dixo estar "satisfeito polo grao de participación e mesmo pola procedencia dos visitantes, de 44 países e de 99 cidades diferentes, chegados desde lugares tan remotos como Finlandia, Mozambique, Uruguai ou os Estados Unidos". Ademais felicitou "aos participantes por terse interesados por unha cuestión de gran importancia para o futuro de Galicia como é o aforro enerxético e animounos a que estes pequenos xestos os sigamos realizando a cotío para conseguir incrementar o aforro enerxético e, entre todos, avanzar na estratexia global de aforro e eficiencia enerxética da Xunta de Galicia para facer de Galicia unha comunidade líder", salientou.

Pola súa parte, o director do Inega tamén lle pediu aos rapaces que "día a día continuedes a aplicar estes consellos para aforrar enerxía, posto que a suma de moitos poucos fai un moito, e así coa aplicación de pequenos xestos conseguiremos aforrar moita enerxía, ademais de cartos e contaminación".

"Con pequenas cousas como as que aprendestes no videoxogo, como apagar a tele e o ordenador cando non os usades, como pechar as fiestras para manter a temperatura interior, podemos facer unha Galicia mellor, enerxeticamente máis eficiente e menos dependente do exterior", incidiu. Diéguez tamén quixo felicitar a todos os que participaron no xogo "gañadores e non gañadores porque co aforro enerxético gañamos todos", rematou.