INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS ENERXÍAS RENOVABLES ACHEGARON O 79% DA ELECTRICIDADE CONSUMIDA EN GALICIA, SUPERANDO OS ÍNDICES MARCADOS PARA ESPAÑA E PARA A UNIÓN EUROPEA

20/05/2011

- De acordo co Balance Enerxético de Galicia 2009, publicación anual editada polo Inega, o incremento do peso das fontes renovables no sistema enerxético galego e o impulso decidido ás políticas de aforro e eficiencia enerxética continuarán a ser os eixos estratéxicos de actuación da Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria, nos vindeiros anos.

- En Galicia o 18% da enerxía primaria procede de fontes renovables, 6 puntos por riba das recomendacións europeas, fronte ao 9% de España, ao 6% da Unión Europea e ao 13% da media mundial.

- O incremento da capacidade de autobastecemento ata o 29%, o aumento da potencia eólica ata situarse en 3.230 MW e o descenso do consumo de electricidade, de gas natural, das gasolinas e do gasóleo son outros dos aspectos que marcaron o escenario enerxético galego en 2009 e que aparecen reflectidas no estudo.

 

Presentación do balance enerxético do ano 2009Santiago, 20 de maio de 2011.- As enerxías renovables manteñen un papel transcendental dentro do escenario enerxético galego, xa que en 2009 achegaron o 79% da electricidade consumida en Galicia, un incremento de 18 puntos respecto ao ano anterior. Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia supera con creces os obxectivos fixados para o ano 2010 _vixentes ata decembro de 2011_, tanto para España como para a Unión Europea, que son os de que o 30,3% e do 29,4%, respectivamente, da electricidade consumida proceda de fontes renovables.

Ademais, Galicia tamén cumpre outra das directrices da UE para o ano 2010, posto que xa en 2009 o 18% da enerxía primaria consumida procedeu de fontes renovables, 6 puntos por riba do establecido pola Unión Europea, e por riba da media española (que é do 9%); da europea (6%) e da mundial (13%). Estas son algunhas das principais conclusións extraídas do Balance Enerxético de Galicia 2009, editado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, e que hoxe presentou o seu director, Eliseo Diéguez García.

Estes datos avalan a acción do Goberno da Xunta, impulsada desde Economía e Industria, a través do Inega, respecto á aposta estratéxica de potenciar as enerxías renovables en Galicia co reto de alcanzar o horizonte do ano 2015 co 95% da electricidade consumida procedente deste tipo de fontes, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, documento que está a elaborar o departamento que dirixe Javier Guerra.

O dito Plan, que establece como obxectivos prioritarios e irrenunciables os de incrementar o peso das enerxías renovables no sistema enerxético galego e o grao de diversificación enerxética para lograr reducir a dependencia exterior e mellorar a calidade ambiental, tamén fixa como propósito seguir impulsando dunha maneira decidida as políticas de aforro e eficiencia enerxética.

A produción de electricidade con fontes renovables en 2009 sitúase no 56%, incremento experimentado en base a que a xeración de enerxía con fontes renovables aumentou nun 22,8% respecto a 2008, debido ao aumento da produción nun 36% da electricidade de orixe hidráulica, como consecuencia dunha maior pluviosidade e tamén polo aumento nun 14% da electricidade xerada polas centrais eólicas.

Aumento da capacidade de autobastecemento

O aumento da capacidade de autobastecemento de Galicia en 10 puntos, se se consideran só os consumos de electricidade e calor, é outra das premisas que marcou o escenario enerxético en 2009. Debido a dúas razóns: á baixada do consumo de electricidade como consecuencia da crise económica e tamén polo incremento da xeración con enerxías renovables, o que fixo que o carbón e o gas natural importado para xerar electricidade baixase moito.

Outros datos significativos do Balance Enerxético 2009 corresponden a que a enerxía eólica alcanzou unha potencia eléctrica de 3.230 MW, que fixo que a enerxía primaria do vento fose durante 2009, cun 34% da enerxía primaria autóctona, a achega máis importante. O consumo de gas natural baixou nun 22%, como consecuencia principal da diminución do consumo para xerar electricidade das dúas centrais de ciclo combinado a gas natural, debido ao descenso da demanda eléctrica e á elevada xeración con fontes renovables.

O ano 2007 foi o último no que funcionaron as minas que abastecen de lignito pardo as centrais termoeléctricas de Meirama e das Pontes, debido ao esgotamento do carbón autóctono e á Directiva 2001/80/CEE, de 23 de outubro, de limitación de emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2008. Deste xeito, no ano 2009 todo o carbón utilizado pasou a ser importado. No sector do transporte tamén se produciu, por segundo ano consecutivo, unha diminución do consumo enerxético dos produtos petrolíferos para o transporte, de ao redor un 11%.

Diversidade de fontes para obtención dos datos

O Balance Enerxético de Galicia 2009, dispoñible na web do Inega, www.inega.es, é unha publicación anual que edita o Instituto Enerxético de Galicia, co propósito de facer un diagnóstico sobre a orixe, autóctona ou importada, das distintas fontes enerxéticas que se transforman en Galicia e a súa posterior distribución, comercialización e utilización como produtos enerxéticos finais.

Con esta finalidade o Inega obtén información dos distintos axentes enerxéticos que operan en Galicia: xeradores, distribuidores, operadores, comercializadores e consumidores. Este proceso de ter que recompilar datos subministrados por diversidade de fontes; de proceder á ordenación e clasificación dos distintos materiais de cara á súa publicación e edición en forma de Balance Enerxético é un proceso longo e laborioso, o que fai que entre a primeira toma de datos e a edición final da publicación, transcorra un tempo considerable, e de aí que o último balance dispoñible corresponda ao ano 2009. O Inega traballa xa na elaboración do informe correspondente ao 2010, cuxos resultados está previsto que saian a finais de 2011 ou comezos de 2012.