INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS EMPRESAS DO SECTOR DO GRANITO APOSTAN POLO AFORRO E POLA EFICIENCIA ENERXÉTICA DA MAN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

28/05/2011

- No marco do convenio de colaboración asinado entre o Inega e o Clúster do Granito xa se realizaron ata o momento catro auditorías enerxéticas e nos próximos meses están previstas as nove restantes

 - O obxectivo é promover un uso racional da enerxía co fin de contribuír á redución dos custos de funcionamento e de mellorar a competitividade

 - Espérase que con estas auditorías as empresas poidan reducir os consumos enerxéticos dos seus procesos produtivos nun 20%

 - Ao remate das auditorías, a mediados de setembro, farase unha estimación do investimento necesario para levar adiante as melloras enerxéticas propostas e divulgaranse os resultados deste estudo sectorial do granito entre os asociados

 

EMPRESA_TRANSF_GRANITOSantiago, 28 de maio de 2011.- Un total de catro empresas do sector do granito, tres canteiras e unha empresa transformadora, xa foron auditadas co obxectivo de alcanzar un aforro enerxético nos seus procesos produtivos, ao abeiro das actuacións establecidas no convenio de colaboración que o Inega, adscrito a Economía e Industria, está a levar adiante coa Asociación Clúster do Granito (AGC).

Nos próximos meses outras nove firmas do sector serán sometidas a estes exames enerxéticos para revisar os seus custos de funcionamento e para mellorar a súa competitividade, a fin de que poidan reducir os consumos enerxéticos dos seus procesos produtivos nun 20%, no marco da estratexia de diferenciación iniciada polo Clúster do Granito, baseada na ecoeficiencia da pedra natural e na sostibilidade dos seus produtos. O potencial de aforro enerxético identificado nesta fase inicial oscila entre o 2 e o 23% do consumo enerxético, mentres que o potencial do aforro económico varía dun 6 ao 28%.

Mediante a realización das ditas auditorías realízase unha exhaustiva análise do proceso produtivo de cada compañía, na que se valoran aspectos como o consumo de electricidade e gasóleo, as emisións de CO2 e un estudo da temperatura dos equipos, entre outros moitos.

Nos informes que reciben as empresas graniteiras inclúese un apartado de oportunidades de mellora (optimización da factura eléctrica, eficiencia das instalacións eléctricas e lumínicas, eficiencia dos medios de transporte, etc.) no que se describen medidas e recomendacións para optimizar o aforro enerxético dos seus procesos.

Destas melloras enerxéticas que resulten de interese elaborarase unha estimación do investimento necesario para acometelas, o cálculo do aforro derivado de cada actuación e o período de retorno simple do investimento. Para levar adiante estas auditorías impulsadas polo Inega, o Clúster do Granito está contando co apoio do Centro Tecnolóxico do Granito, a través da súa Área de Desenvolvemento Sostible, que ten como obxectivo incentivar as boas prácticas e a eficiencia en materia de enerxía e de coordinar as distintas actuacións.

En total realizaranse, en base a este convenio entre Inega e Clúster do Granito, un total de 13 auditorías en empresas do sector, representativas tanto en dimensións como no ámbito xeográfico (5 en grandes fábricas de teares, 4 en plantas que se dediquen á talla en bloques e outras 4 en canteiras).

O Inega financia cun máximo do 75% do custo cada unha das 13 auditorías ata un límite de 60.000 euros en total. O seu principal obxectivo é promover, no marco da aposta global da Xunta pola potenciación do aforro e da eficiencia, un uso racional da enerxía en diferentes instalacións dedicadas ao granito co fin de contribuír á redución dos custos de funcionamento e de mellorar a súa competitividade. A data límite para a realización de todos os estudos é o 15 de setembro de 2011.

Estudo sectorial
O Clúster do Granito elaborará co conxunto do material das 13 auditorías un documento final, a modo de estudo sectorial do granito en Galicia, que entregará ao Inega co fin de difundir os seus resultados entre os seus asociados a modo de manual de boas prácticas que se deberían adoptar para reducir custos e mellorar a competitividade no sector.

O devandito Clúster nace no mes de marzo de 2010, constituído por empresas das diferentes asociacións do sector (Asociación de Canteiras de Galicia, Asociación Galega de Graniteiros, Asociación de Maquinaria para a Pedra e Asociación de Marmoristas) e do Centro Tecnolóxico do Granito.

Ecoeficiencia no sector da pedra natural
O principal obxectivo do Clúster é mellorar a competitividade e o fomento da cooperación, así como a internacionalización das compañías que traballan neste sector en Galicia, obxectivo que está a impulsar con actuacións como a deste convenio do Inega para a implantación de medidas de optimización enerxética nas canteiras e industrias asimiladas, un sector que dá traballo ao redor de 6.300 persoas en Galicia e que produce o 70% do granito de España.