INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA REALIZARÁ XORNADAS INFORMATIVAS SOBRE O TERCEIRO PLAN DE INSPECCIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN INSTALACIÓNS TÉRMICAS NOS EDIFICIOS EN DIFERENTES CIDADES

25/05/2011

- Técnicos da consultaría Enmacosa, entidade autorizada pola administración para a xestión de dito Plan, impartirán charlas gratuítas en Vigo, Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña a partir do 27 de maio


- Con este programa que o Inega e a Dirección Xeral de Industria desenvolven en colaboración con Enmacosa, examinaranse, de xeito gratuíto para os seus propietarios, instalacións con máis de 5 anos de antigüidade, que teñan unha potencia mínima de 20 kW en calor e de 12 kW en frío


- Así mesmo con este Plan propóñenselle aos titulares dos inmobles a adopción de melloras para incrementar a eficiencia enerxética, que son subvencionables no marco do programa de axudas a proxectos de aforro e de enerxías renovables que cada ano desenvolve o Inega

inspecciones-instalaciones

Santiago, 25 de maio de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia e da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, en colaboración con Enmacosa como entidade autorizada pola administración para a realización das inspeccións correspondentes ao terceiro Plan de Inspeccións de Eficiencia Enerxética en instalacións térmicas, desenvolverá diversas xornadas informativas sobre este programa que ten como fin examinar de xeito gratuíto para os seus propietarios os ditos inmobles co fin de propoñerlles melloras para incrementar a eficiencia enerxética.
O programa de encontros, que van dirixidos a administradores de fincas, mantedores, instaladores e propietarios de instalacións, dará comezo este venres, 27 de maio, en Vigo, cun que se desenvolverá no edificio dotacional de Texvigo (Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares) a partir das 17.00 horas.

O martes 31 de maio terá lugar na Cámara de Comercio e Industria de Ourense (Avda. Habana 30 bis) a segunda das xornadas que dará comezo ás 19.00 horas. As xornadas continuarán en Lugo cun encontro que terá lugar o 1 de xuño na Confederación de Empresarios de Lugo (Praza de Santo Domingo, 6-8-2º) ás 17.00 horas. O Inega, entidade impulsora do Plan xunto coa Dirección Xeral de Industria, acollerá o martes, 7 de xuño o cuarto encontro na súa sede (Avelino Pousa Antelo, 5 – Santiago de Compostela) que se iniciará ás 16.30 horas. O ciclo de charlas pecharase cunha que terá lugar na Coruña o 17 de xuño (sede do Colexio Oficial de Administradores de Fincas _rúa Juan Flórez 49 A) a partir das 17.00 horas.

O temario que impartirán os técnicos de Enmacosa abrangue desde o regulamento de funcionamento e uso ata o ámbito de aplicación do RITE (Regulamento de Instalacións Térmicas de Edificios), pasando polas esixencias a cumprir por estas instalacións, o mantemento das mesmas, as inspeccións que se deben levar a cabo, así como os beneficios do mesmo.

Con carácter gratuíto
Hai que destacar que todas as revisións que se realizan no marco deste Plan, que o Inega e a Dirección Xeral de Industria levan adiante no marco de colaboración co IDAE, son de carácter gratuíto para os seus propietarios.

Con este terceiro Plan, que se incardina na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética examinaranse instalacións con máis de cinco anos de antigüidade, sempre que non foran xa inspeccionadas e que teñan unha potencia mínima de 20 kW en calor ou 12 kW en frío para valorar a implantación de determinadas medidas encamiñadas a lograr unha  maior eficiencia enerxética. A empresa Enmacosa xa dispón na súa páxina web www.enmacosa.com dun enlace no que se poderán realizar as solicitudes de inspección, de balde. O prazo para presentar as solicitudes rematará o 23 de setembro.

Melloras para incrementar a eficiencia enerxética
Cada unha das inspeccións realizadas incluirán unha revisión gratuíta completa das instalacións térmicas,así como a elaboración dun ditame coa finalidade de asesorar ao titular
da instalación para propoñerlle melloras ou modificacións orientadas a incrementar a eficiencia enerxética.

A realización destes medidas de optimización enerxética son subvencionables mediante o programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética que o Inega desenvolve cada ano. Neste sentido hai que destacar que estas liñas de subvención poden chegar a a cubrir ata o 35% do investimento total da obra, mentres que as subvencións destinadas a contemplar a incorporación da enerxía solar térmica abranguen, con carácter xeral, un 35% do investimento subvencionable, que para o caso concreto de instalacións municipais alcanzou o 45%.

O Instituto Enerxético de Galicia examinou, a través do primeiro e do segundo Plan preto de 1.300 instalacións térmicas, todas elas correspondentes a edificios de máis de 15 anos de antigüidade e cunha potencia superior a 70 kW.

Máis información

Información e ligazón para solicitar as inspeccións:

http://www.enmacosa.com/Plan-de-inspeccions-de-eficiencia-enerxetica.html

Datas e Programa da Xornada:

PDF