INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

MAÑÁ ÁBRESE O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS DO PLAN RENOVE DE ELECTRODOMÉSTICOS 2011 DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

02/10/2011

- Para optar a esta axuda, o comprador ten que mercar o electrodoméstico nalgún dos máis de 800 comercios adheridos ata o de agora, cuxa listaxe está dispoñible na web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

- Os beneficiarios, persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia, poderán obter unha axuda máxima de ata 125 euros por electrodoméstico, non podendo superar o 25% do seu prezo.

- Cada persoa poderase beneficiar, como máximo, dunha axuda por cada unha das cinco tipoloxías de electrodomésticos (frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas, fornos e placas), sempre que adquiran outros con etiqueta enerxética de clase A ou superior.

Santiago, 2 de outubro de 2011.- O Plan Renove de Electrodomésticos 2011, promovido pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), abre mañá, luns 3 de outubro, o prazo para solicitar as axudas correspondentes. Deste xeito, todos aqueles que desexen substituír electrodomésticos antigos por equipos con etiquetado enerxético de clase A ou superior, poderán solicitar a axuda nalgún dos máis de 800 establecementos que se adheriron ao plan e cuxa listaxe se atopa dispoñible na web do Inega.

Deste xeito, os beneficiarios, persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia, poderán obter unha subvención de 125 euros no caso dos frigoríficos e dos frigoríficos-conxeladores con clasificación enerxética A++ ou superior, e un mínimo de 50 euros para as placas de gas, non podendo resultar a mesma superior ao 25% do prezo do electrodoméstico.

Cada persoa poderá dispor, como máximo, dunha axuda por cada unha das cinco tipoloxías de electrodomésticos (frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas, fornos e placas), sempre que adquiran outros con etiqueta enerxética de clase A ou superior. Para resolver calquera tipo de dúbida sobre o Plan Renove, o Inega ten habilitado o 981 541 500.

Para optar a esta axuda, o comprador ten que mercar o electrodoméstico nun comercio adherido. No momento da compra, o comercio, a través da web, fai unha solicitude de reserva de fondos a nome do beneficiario, procedendo ao cobro da factura co desconto do importe da axuda. Nos seguintes 90 días a entidade colaboradora debe retirar o electrodoméstico antigo, instalar o novo e remitir ao Inega a documentación xustificativa para poder cobrar a subvención.

 Aforro económico e enerxético

Cun orzamento inicial de 1,8 millóns de euros, o Inega prevé que o Plan Renove xerará un investimento asociado de 7,2 millóns, contribuíndo a que máis de 19.000 familias aforren un total de 560.000 euros ó ano na súa facturación eléctrica. Así mesmo, o Plan persegue reducir o consumo de enerxía nos fogares, aforrando cartos e contribuíndo á protección do medio ambiente. O aforro de enerxía eléctrica primaria que permitirá o Plan Renove 2011 estímase en 7.691 MWh, ao tempo que se deixarán de emitir 1.200 toneladas de CO2 á atmosfera.

O Plan Renove de Electrodomésticos 2011 encádrase dentro da aposta da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos recursos conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. O programa de actuacións de aforro e eficiencia enerxética posto en marcha polo departamento que dirixe Javier Guerra conta cun orzamento global de 23,7 millóns de euros para 2011 e prevese que xere un investimento asociado de 100 millóns de euros. Así mesmo, estas accións permitirán un aforro en enerxía primaria de preto de 200.000 MWh e evitarán a emisión á atmosfera de 42.000 toneladas de CO2.