INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS CONSELLERÍAS DE MAR E ECONOMÍA E INDUSTRIA COLABORAN NO IMPULSO Á EFICIENCIA ENERXÉTICA NO PORTO DE CELEIRO

05/10/2011

- O presidente de Portos de Galicia e o director do Instituto Enerxético de Galicia visitaron as instalacións lucenses na que se ven de desenvolver unha auditoría de consumo.

- O organismo portuario levou a cabo unha actuación integral de optimización das infraestruturas eléctricas en todos os portos da costa cantábrica.

Santiago, 5 de outubro de 2011.- A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia e o Inega, está a impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética nas instalacións portuarias de titularidade autonómica. Así o ratificaron esta mañá o presidente os responsables dos entes públicos adscritos ás Consellerías do Mar e Economía e Industria, respectivamente. O presidente de Portos, José Juan Durán, e o director do Instituto da Enerxía de Galicia, Eliseo Diéguez, visitaron o porto de Celeiro, onde ambos organismos veñen de realizar unha auditoría para coñecer o consumo enerxético e avaliar medidas de aforro, extrapolables ao global das instalacións galegas.

Recentemente, Portos de Galicia rematou as obras de mellora das instalacións eléctricas de todos os portos da costa cantábrica. Esta actuación encamiñouse á mellora da eficiencia e a eficacia enerxética, eliminando calquera tipo de deficiencia ou desaproveitamento da enerxía. Tralo remate desta actuación, que contou cun investimento de 2.2 millóns de euros, o ente que preside José Juan Durán traballa, conxuntamente co Inega, no deseño dun proxecto piloto para a substitución das luminarias actuais do porto de Celeiro por LED, de máis baixo consumo.

Este proxecto piloto viría dar continuidade ás actuacións desenvolvidas por Portos e Inega en cumprimento do acordo marco para a eficiencia enerxética no sistema portuario galego asinado en outubro do pasado ano. Entre estas actuacións levouse a cabo unha auditoría do consumo das luminarias do porto de Celeiro. As conclusións desta auditoría permitirán articular o proxecto piloto para a substitución por fontes de enerxía de menor consumo. En base aos resultados en Celeiro, a proposta poderá extenderse ao resto dos portos galegos.