INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN RENOVE DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PERMITIU EN MENOS DE TRES DÍAS A SUBSTITUCIÓN DE 18.773 ELECTRODOMÉSTICOS POR OUTROS MÁIS EFICIENTES

07/10/2011

- A campaña, promovida polo Instituto Enerxético de Galicia, contou cun orzamento total de 1,8 millóns de euros e posibilitou un investimento asociado de 7,2 millóns de euros.

- Grazas a esta iniciativa do departamento que dirixe Javier Guerra deixarán de emitirse 1.200 toneladas de CO2 á atmosfera.

- A actuación encádrase dentro da estratexia de aforro e eficiencia enerxética da Consellería, que suma un total de 58,1 millóns de euros de inversión no que vai de lexislatura, xerando a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns.

- A Coruña foi a provincia na que se realizaron máis solicitudes, cun total de 7.331, seguida de Pontevedra (4.953), Lugo (3.428) e Ourense (3.061).

Santiago, 7 de outubro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de pechar unha nova edición do Plan Renove de Electrodomésticos, que este ano permitiu substituír en menos de tres días un total de 18.773 equipamentos antigos por outros máis eficientes enerxeticamente desde que o luns pola mañá se abrira o prazo para solicitar as axudas. Isto confirma o éxito do programa nos fogares galegos e o interese dos usuarios polo aforro enerxético e o consumo eficiente, que incide tanto na economía como nos recursos naturais.

O Plan, que contou cun orzamento total de 1,8 millóns de euros, incide na capacidade de compra das familias, xerando un investimento asociado de 7,2 millóns de euros e repercutindo positivamente na actividade comercial ao reactivar o consumo. Así mesmo, a través do Plan Renove de Electrodomésticos 2011 espérase acadar un aforro de enerxía eléctrica primaria de 7.691 MWh, feito que permitirá deixar de emitir 1.200 toneladas de CO2 á atmosfera.

A iniciativa encádrase na aposta estratéxica da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos recursos conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. Ao abeiro das distintas actuacións de aforro e eficiencia, o departamento que dirixe Javier Guerra leva investidos nesta lexislatura 58,1 millóns de euros, que xeran a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.

Máis de 11.000 solicitudes nun só día
Xa o primeiro día da posta en marcha do Plan Renove de Electrodomésticos 2011 contabilizáronse más de 11.200 solicitudes que sumaron, en total, máis dun millón de euros en subvencións. Por provincias, foi A Coruña a que máis solicitudes realizou, cun total de 7.331, seguida de Pontevedra (4.953), Lugo (3.428) e Ourense (3.061). Todas elas foron tramitadas a través dos 805 establecementos que se adheriron ao Plan.

Os beneficiarios, persoas físicas ou xurídicas residentes en Galicia, obtiveron, así, unha subvención de ata 125 euros no caso dos frigoríficos e dos frigoríficos-conxeladores con clasificación enerxética A++ ou superior, e de ata 50 euros para as placas de gas.

 

Descargar audio director Inega