INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA FORMOU A MÁIS DE 70 ALUMNOS DE GALICIA E DO NORTE DE PORTUGAL NUN CURSO CENTRADO NA XESTIÓN ENERXÉTICA EFICIENTE

11/10/2011

- Estas xornadas, organizadas polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente de Economía e Industria, celebráronse en Vigo e en Ourense.

- A formación foi impartida por 15 docentes de universidades, administración pública e sector privado, permitindo aos participantes afondar en áreas de interese como a xestión enerxética, a edificación sostible, as instalacións eléctricas ou térmicas, ou a integración de enerxías renovables.

- Nas dúas sesións celebradas en Vigo habilitouse unha sala dotada de sistema de videoconferencia para que os alumnos de Viana do Castelo seguisen as clases en directo.

Santiago, 11 de outubro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, pechou hoxe as sesións do curso ‘Xestión para a Eficiencia’, que, tras iniciarse o 20 de setembro en Vigo, formou a máis de 70 alumnos de Pontevedra, Ourense e o Norte de Portugal na xestión enerxética eficiente.

O curso, que se desenvolve no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), formou aos participantes en diversos campos relacionados coa eficiencia enerxética, afondando en áreas de interese como a xestión enerxética, a edificación sostible, as instalacións eléctricas ou térmicas, o transporte ou a integración de enerxías renovables.

En total, 15 docentes de universidades, administración pública e sector privado impartiron as clases ao longo de catro sesións. As dúas primeiras tiveron lugar en Vigo os días 20 e 27 de setembro, na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, mentres que as seguintes se desenvolveron o pasado 4 de outubro e hoxe na Confederación de Empresarios de Ourense. Así mesmo, nas dúas xornadas celebradas en Vigo habilitouse unha sala dotada de sistema de videoconferencia que permitiu que alumnos de Viana do Castelo puidesen seguir as clases en directo.  

Proxecto GE2C´s
O Curso ‘Xestor para a eficiencia’ desenvólvese dentro do proxecto GE2C´s, iniciativa na que participa o Inega xunto con outros seis organismos de Galicia e o Norte de Portugal. O obxectivo do mesmo é mellorar a eficiencia enerxética do sector servizos na Eurorrexión a través da aplicación de medidas concretas, exemplarizantes e transferibles, e que redunden na rendibilidade e competitividade das empresas e organismos, tanto públicos como privados.

Para iso, a iniciativa conta con diversas accións, como este curso, que promoven tanto a dotación de recursos humanos e materiais óptimos para a eficiencia, como a implementación de medidas eficientes e viables desde o punto de vista técnico e económico.

Con estas accións perséguese, en última instancia, a redución dos consumos enerxéticos do sector servizos, ademais de tratar de acadar unha produción enerxética máis sostible e unha maior sensibilización da sociedade.