INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PON EN MARCHA UN NOVO PROGRAMA DE AXUDAS A PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES 2011 CON 2,5 MILLÓNS DE EUROS PARA AVANZAR NA ESTRATEXIA DA XUNTA DE POTENCIACIÓN DAS FONTES LIMPAS

22/10/2011

- O director do Inega salientou que esta iniciativa xerará un investimento asociado de 12 millóns de euros e permitirá reducir 11.000 toneladas de CO2.

- Eliseo Diéguez destacou a axilidade na tramitación das axudas e recordou que en ano e medio, a Consellería de Economía e Industria reduciu a máis da metade os prazos de resolución e tramitación.

- Este ano poderán ser tamén beneficiarios destas subvencións as empresas de servizos enerxéticos.

presentacion_Renovables

Santiago, 22 de outubro de 2011.- O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, presentou hoxe o programa de axudas a proxectos de enerxías renovables do Instituto Enerxético de Galicia para 2011, ás que destina un total de 2.535.850 euros, e que permitirá xerar un investimento asociado de 12 millóns de euros e impulsar proxectos orientados a evitar a emisión de 11.000 toneladas de CO2 á atmosfera.

Trátase dun programa de actuacións, dirixido ao conxunto dos sectores económicos e a todo tipo de beneficiarios, con cinco liñas diferentes no marco da estratexia global da Xunta de potenciación das fontes renovables para facer de Galicia unha comunidade líder no aproveitamento deste tipo de fontes: solar térmica (600.000 euros); caldeiras de biomasa (900.000 euros); fotovoltaica conectada á rede (450.000 euros); fotovoltaica illada e instalacións mixtas (92.919 euros) e gasificación/biogás (492.931 euros).

Unha das principais novidades desta convocatoria, subliñou Diéguez, é que se engade á lista de beneficiarios as empresas de servizos enerxéticos (ESE´s), unha nova modalidade de compañías que basean o seu rendemento en función dos aforros enerxéticos alcanzados coa entidade contratante dos seus servizos, posibilitando así o financiamento da implantación de instalacións de aproveitamento de enerxías renovables. Ademais das ESE´s, tamén poderán ser beneficiarios as persoas físicas maiores de idade; as empresas e os autónomos e os distintos tipos de administracións públicas.

A tramitación en liña dos expedientes, ao longo de todo o proceso, desde a presentación da solicitude ata a resolución final, é outro dos aspectos destacables da actual convocatoria. Ademais, Diéguez reafirmou a aposta iniciada polo Inega por seguir incrementando a eficacia dunha administración que ten sentido no servizo aos cidadáns e destacou que este ano as axudas se resolverán en cinco meses, polo que en dous anos se reduciron case a metade os tempos de resolución e tramitación das axudas.

Por tipoloxías
Baixo o epígrafe de enerxía solar térmica subvenciónanse as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro. Deste xeito, acádase a xeración de auga quente sanitaria, climatización de piscinas cubertas, apoio á calefacción con sistemas de baixa temperatura, aplicacións industriais e refrixeración solar. A contía máxima da subvención será o 35% do investimento subvencionable, agás para as instalacións municipais nas que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 45%.

Na categoría de enerxía solar fotovoltaica illada inclúense as instalacións que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica mediante paneis fotovoltaicos, para o seu consumo illado na rede de distribución, podendo contar o sistema con acumulación en baterías. As axudas serán dun máximo do 40% do investimento subvencionable.

As plantas que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica, mediante paneis fotovoltaicos para a súa inxección á rede eléctrica subvencionaranse cunha axuda máxima de 900 €/kWp e cun límite por proxecto (ou proxectos situados na mesma edificación) de 6.000 euros, agás para os proxectos solicitados por concellos, para o que estes límites serán de 1.200 €/kWp e 9.000 €, respectivamente.

As instalacións para o quentamento dun fluído mediante caldeiras e equipamentos homologados que utilicen biomasa como combustible poderán ser obxecto de axuda co 30% do investimento subvencionable, agás para as instalacións municipais que incrementarán a porcentaxe ata o 45%. Así mesmo a axuda máxima por proxecto será de 30.000 euros, agás no caso das actuacións que contemplen redes de calefacción centralizada a distintos edificios baixo o sistema de district heating, nas que a axuda máxima será de 50.000 euros.

Na tipoloxía biogás/gasificación subvenciónanse instalacións de produción de enerxía térmica ou eléctrica mediante o aproveitamento enerxético en procesos de gasificación de biomasa ou en sistemas de aproveitamento do biogás para instalacións de potencia eléctrica igual ou inferior a 500 kW. A contía máxima da axuda non superará o 30% do investimento subvencionable.

Por último, as instalacións mixtas que incorporen solar fotovoltaica e enerxía eólica e/ou enerxía minihidráulica incentívanse co 40% do investimento subvencionable, cun límite da axuda en función da potencia nominal de 1.500 €/kW, e cunha axuda máxima de 6.000 euros por proxecto.

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto, durante 45 días naturais, desde o día seguinte á publicación da correspondente orde no DOG, que se producirá nos vindeiros días. Todas as tipoloxías de axudas aparecen recollidas nunha guía explicativa editada polo Inega e que está dispoñible en www.inega.es.

Con este programa de axudas a proxectos de enerxías renovables 2011 do Inega, a Xunta continuará avanzando no reto de chegar ao ano 2015 producindo con fontes renovables máis do 95% do consumo de electricidade, de acordo coas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, que se está a elaborar.