INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA ORGANIZA UNHA XORNADA DE FORMACIÓN SOBRE EMPRESAS DE SERVIZOS ENERXÉTICOS EN ILUMINACIÓN PÚBLICA

26/10/2011

- A actividade, cuxa inauguración correrá a cargo do director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, permitirá dar a coñecer e resolver dúbidas sobre este tipo de compañías.

Santiago, 26 de outubro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, organiza hoxe a Xornada de Empresa de Servizos Enerxéticos en Iluminación Pública que, cunha inscrición gratuíta, formará a 80 persoas de distintos ámbitos –administración pública, sector privado e concellos- nesta materia.

A xornada, cuxa inauguración correrá a cargo do director do Inega, Eliseo Diéguez García, comezará as nove da mañá na sede da Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP), e permitirá dar a coñecer e resolver dúbidas sobre as Empresas de Servizos Enerxéticos e a súa aplicación na Iluminación Pública, grazas á participación de recoñecidos expertos nas distintas disciplinas, tendo en conta todos os axentes implicados e expoñendo casos reais. Deste xeito, os asistentes poderán afondar na importancia destas empresas, chamadas a desempeñar un importante papel no desenvolvemento do mercado da eficiencia enerxética.

Este tipo de empresas basean a súa rendibilidade en función das melloras de eficiencia enerxética alcanzadas e do cumprimento dos requisitos de rendemento determinados no contrato inicial. Deste xeito, as ESEs serven para o desenvolvemento dunha política enerxética baseada no aforro e na eficiencia como piares básicos, e que se centra no impulso da redución do alto consumo enerxético, coa utilización de recursos renovables, e no favorecemento do uso racional da enerxía.