INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA ABORDA NUN SEMINARIO EN SOTAVENTO OS USOS ENERXÉTICOS DO HIDRÓXENO E A SÚA COMPATIBILIDADE COA ENERXÍA EÓLICA

27/10/2011

- Os participantes neste curso de Economía e Industria coñeceron a Planta de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno situada no parque eólico experimental.

- A actuación encádrase na aposta da Xunta polas enerxías renovables como factor que contribúe á diminución da dependencia enerxética, a rebaixar as emisións de CO2 e a acadar un importante aforro económico.

director_Sotavento

Santiago, 27 de outubro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, e máis a Fundación Sotavento, organizaron na xornada de hoxe un novidoso seminario no Parque Eólico Experimental de Sotavento, situado entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña). No mesmo, e baixo o título “H2 e xestión enerxética “, abordáronse as capacidades e os usos enerxéticos do hidróxeno tendo como marco de fondo a Planta de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno do propio parque experimental.

Así, preto de 70 participantes procedentes de distintos lugares de España coñeceron de primeira man a aposta de Galicia polas enerxías renovables como factor que permite diminuír a dependencia enerxética, crear un tecido produtivo propio, rebaixar as emisións de CO2 e acadar un importante aforro económico. A promoción deste tipo de fontes renovables, como salientou Eliseo Diéguez, director do Inega, contribúe, así mesmo, á solución de moitos problemas económicos e sociais.

Esta aposta maniféstase, ademais, na política desenvolvida pola Xunta durante esta lexislatura, que busca chegar ao ano 2015 producindo, con fontes renovables, máis do 95% do consumo de electricidade, de acordo coas directrices que se están elaborando do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia.

Neste marco, a planta de acumulación de hidróxeno de Sotavento, proxecto levado a cabo entre a Xunta de Galicia e Gas Natural, persegue a obtención de hidróxeno con enerxía eólica, proxecto de gran interese dado que permite adecuar a xeración eólica, que ten unha compoñente aleatoria, á demanda enerxética, que resulta predeterminada.

Deste xeito, cando a xeración eólica sexa superior á prevista procederase a empregar esa enerxía para producir hidróxeno a partir da auga. Este gas será acumulado, sendo utilizado posteriormente no momento en que sexa necesario para producir electricidade ou outra enerxía. O estudo deste proxecto, así como outros temas de interese relacionados coas posibilidades do emprego do hidróxeno como vector enerxético, foron abordados durante o seminario. Así mesmo, o encontro serviu, tamén, para valorar as distintas problemáticas suxeitas á produción renovable no campo da xestión.