INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O CAMBIO DE HORA DA MADRUGADA DO SÁBADO SUPORÁ UN AFORRO ENERXÉTICO POTENCIAL DO 0,37% NO CONSUMO ELÉCTRICO EN GALICIA

28/10/2011

- O Instituto Enerxético de Galicia, adscrito á Consellería de Economía e Industria, fai especial fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dun xeito racional durante todo o ano.

Santiago, 28 de outubro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, subliña que o cambio de hora previsto para a madrugada do vindeiro sábado, 29 de outubro –data na que finaliza o horario de verán, polo que se deberá retrasar os reloxos unha hora (ás 03.00 horas serán as 02.00 horas)–, representa un aforro potencial de enerxía en iluminación estimado no 1% para o sector doméstico, e do 3% para o sector servizos, alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total no conxunto de Galicia dun total do 0,37%, o que supón un aforro de máis de 6.000 toneladas equivalentes de petróleo.

Deste xeito desde o Instituto faise fincapé en que o aforro motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con independencia do horario.

Para chegar a estas cifras de aforro é necesario facer un uso racional da enerxía, en concreto da iluminación, nos meses nos que está vixente o horario de verán (de marzo a outubro). Desde o Inega recoméndase como medidas básicas para contribuír a ese aforro, a instauración de hábitos básicos como aproveitar en maior medida a iluminación natural ou potenciar a utilización de tecnoloxía eficiente para conseguir este aforro en iluminación, mediante o uso de detectores de presenza, fotocélulas e outros mecanismos.

En calquera caso o Instituto Enerxético de Galicia fai especial fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dun xeito racional durante todo o ano. Nesta etapa de entrada do inverno o Inega recomenda seguir determinadas pautas de comportamento de cara á utilización da calefacción como manter a temperatura óptima (entre 20 e 22ºC) de día, apagándoa cando non é necesaria, posto que o incremento dun grao na temperatura pode supoñer un incremento de consumo dun 5%. Realizar unha ventilación axeitada do fogar, colocar válvulas termostáticas nos radiadores cos que se pode chegar a aforrar entre un 10 e un 20% no consumo de calefacción, pechar os radiadores das estancias en habitacións baldeiras e instalar illamento nas paredes e nos teitos se hai reformas na casa para reducir o consumo de calefacción, son outras medidas eficientes que o Instituto dependente de Economía e Industria aconsella aos cidadáns que poñan en práctica para conseguir un uso axeitado e racional da enerxía, e co fin de reducir, consecuentemente, os custos.