INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE ILUMINACIÓN INTERIOR DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PERMITIU SUBSTITUIR PRETO DE 28.000 LÁMPADAS ANTIGAS

30/10/2011

- Xerou un investimento asociado de 2,7 millóns de euros.

- Ademais, solicitouse o cambio de máis de 15.000 balastos –parte interior do equipo de iluminación- e de 5.000 luminarias vellas.

- A contía máxima da subvención foi do 25% do custo elixible da nova instalación de iluminación, cun límite de 1.500 euros por vivenda unifamiliar; de 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e de 25.000 euros por edificio destinado a outros usos.

Santiago, 30 de outubro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, vén de rematar o primeiro Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, unha nova liña que persegue mellorar a eficiencia enerxética a través da renovación das instalacións lumínicas existentes por outras máis eficientes, reducindo así o consumo de enerxía.

Nesta primeira ocasión, o plan, que contou cun orzamento de case 500.000 euros, permitiu a substitución de preto de 28.000 lámpadas antigas. Ademais, solicitouse o cambio de máis de 15.000 balastos –parte interior do equipo de iluminación- e de 5.000 luminarias vellas. Estas, sumadas a outras actuacións subvencionadas –reforma dos cadros de mando, seccionamento da instalación ou equipos de presenza- permitiu xerar un investimento asociado próximo aos 2,7 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria eléctrica estimado en 1.193.570 kWh/ano, e a redución de emisións de máis de 180 toneladas de CO2 á atmosfera.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Renove de Equipos de Iluminación Interior subvencionou a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables, sempre que reducisen a potencia instalada en iluminación, polo menos, nun 30%, cumprindo os requirimentos de calidade e confort visual regulamentarios.

Así mesmo, incentivouse a instalación de sistemas de control por presenza e a regulación do nivel de iluminación segundo aporte de luz natural, axustándose ás necesidades do usuario sempre e cando permitan conseguir un aforro enerxético dun mínimo do 20% anual respecto a instalacións sen control ou regulación..

A contía máxima da subvención foi do 25% do custo elixible da nova instalación de iluminación, cun límite de 1.500 euros por vivenda unifamiliar; de 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e de 25.000 euros por edificio destinado a outros usos, non a vivenda.