INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O SERVIZO DE DIAGNOSE ENERXÉTICA ON-LINE PARA PEMES DE ECONOMÍA E INDUSTRIA SUMA PRETO DE 300 USUARIOS DESDE A SÚA POSTA EN MARCHA

31/10/2011

- Unha vintena de empresas remataron xa a auditoría ofertada a través da web do inega -www.inega.es- determinándose un posible aforro enerxético no conxunto das mesmas do 12%.

- O servizo configúrase como unha ferramenta de aforro e eficiencia para as pemes, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade rebaixando os custos que non engaden valor engadido.

Santiago, 31 de outubro de 2011.- O novo servizo de Diagnose Enerxética On-line para Pemes da Consellería de Economía e Industria suma preto de 300 usuarios desde a súa estrea a finais de xullo. Esta ferramenta, á que se pode acceder a través da páxina web do Inega (www.inega.es), permite facer diagnoses enerxéticas on-line adaptadas ás particularidades de cada empresa, contribuíndo deste xeito á identificación de medidas concretas de eficiencia enerxética.

Así, do total de usuarios dados de alta na mesma, vinte empresas completaron polo momento todos os pasos para concluír a auditoría. Da análise dos seus datos extráese unha capacidade de aforro enerxético no seu conxunto do 12%. O servizo configúrase como unha ferramenta de aforro e eficiencia para as pemes, contribuíndo a mellorar a súa competitividade rebaixando os custos que non engaden valor engadido.

Á medida das empresas
A aplicación ten dous niveis, un básico e outro especializado, sumando doce bloques temáticos, seleccionados segundo as principais necesidades manifestadas polas pemes, que neste caso concrétanse en: facturación enerxética, consumo térmico, iluminación, instalacións eléctricas, aire acondicionado, frío industrial, climatización e auga, transporte, enerxías renovables e alta eficiencia, mantemento, etiquetaxe enerxética e formación.

O primeiro nivel, máis sinxelo, conta con 206 usuarios dados de alto. Estes poden formular unha serie de preguntas de rápida e doada contestación, e en función das respostas reciben un informe de recomendacións sobre aforro e eficiencia enerxética estruturado en doce bloques temáticos. Entre os contidos desenvoltos, encóntrase información sobre as tarifas eléctricas aplicables á empresa, recomendacións relacionadas co correcto mantemento das instalacións térmicas, niveis de iluminación recomendados en función das tarefas a realizar, comparación da eficiencia das diferentes tecnoloxías de iluminación, así como información sobre subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

O nivel dous conta, ata o de agora, con 28 usuarios que realizan un segundo cuestionario máis especializado baseándose nas respostas do primeiro. O resultado de dito cuestionario é un informe adaptado á situación particular da empresa, que poderá incluír un balance enerxético detallado con estimacións do reparto do consumo eléctrico por proceso.