INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA SUMA 63 MILLÓNS DE INVESTIMENTO MOBILIZADO COAS LIÑAS DE APOIO AO AFORRO E Á EFICIENCIA ENERXÉTICA

07/09/2011

- A nova edición do programa de axudas á eficiencia e aforro enerxético conta con 17 liñas centradas nos principais sectores produtivos e nos concellos galegos.

- As axudas da Xunta favorecerán a mellora da competitividade, da calidade e a redución de custos enerxéticos no eido da industria, a agricultura, a pesca o transporte, a edificación, os servizos públicos e a transformación da enerxía.

- 9 das liñas activadas ao abeiro do programa están orientadas aos concellos galegos co obxectivo de situar as vantaxes do aforro e a eficiencia o mais preto posible dos cidadáns.

- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou que esta campaña permitirá obter un aforro de enerxía primaria equivalente a 8.800 toneladas de petróleo (102 GWh/ano) e evitará a emisión de 35.000 toneladas de CO2 á atmosfera.

 

O conselleiro de Economía e Industria e o director do Inega na presentación do Programa de Axudas ao Aforro e á Eficiencia Enerxética para 2011 Santiago, 7 de setembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria activa unha nova edición do programa de axudas ao aforro e á eficiencia enerxética para 2011, que inclúe 17 liñas de actuación especialmente orientadas aos principais sectores produtivos da economía galega e aos concellos. Coa posta en marcha desta campaña a Consellería que dirixe Javier Guerra sumará un total de 63 millóns de euros de inversión mobilizada nesta lexislatura, ao abeiro dos programas de axuda ao aforro e á eficiencia.

Neste sentido, o conselleiro salientou hoxe que “o aforro, a eficiencia e o apoio as enerxías renovables son alicerces estratéxicos da política enerxética da Xunta”, desenvolta a través da actividade da Consellería de Economía e Industria, ao abeiro de diferentes programas de apoio.

Javier Guerra explicou que as axudas da Xunta favorecerán á mellora da competitividade, da calidade e a redución de custos enerxéticos no eido da industria, a agricultura, a pesca o transporte, a edificación, os servizos públicos e a transformación da enerxía.

Mentres que no que se refire aos concellos, o programa outórgalles especial importancia incluíndoos como beneficiarios de 9 liñas de actuación, co obxectivo de situar as vantaxes do aforro e a eficiencia o mais preto posible dos cidadáns.

En concreto, as 17 liñas desta campaña permitirán obter un aforro de enerxía primaria equivalente a 8.800 toneladas de petróleo (102 GWh/ano) e evitará a emisión de 35.000 toneladas de CO2 á atmosfera.

As axudas incluídas na nova edición do programa de Aforro e Eficiencia, xestionado polo Inega, poderán ser consultadas e tramitadas de xeito telemático e permitirán a posta en marcha de auditorías enerxéticas en diferentes sectores e nos concellos, a promoción dunha mobilidade sustentable tanto no transporte público como no ámbito empresarial, a mellora e maximización do rendemento das instalacións térmicas e dos sistemas de iluminación públicos, así como tamén impulsará a coxeración e a eficiencia e o aforro na agricultura e na pesca.