INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA AMPLÍA O PRAZO DE SOLICITUDE PARA A RENOVACIÓN DE EQUIPOS DE ILUMINACIÓN INTERIOR, QUE OFRECE AXUDAS DUN 25% DO CUSTO E DE ATA 1.500 EUROS POR VIVENDA

18/09/2011

- O Primeiro Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior contaba cun orzamento de case 500.000 euros, dos que existen aínda preto de 170.000 euros dispoñibles debido a renuncias ou faltas de xustificación das solicitudes.

- O prazo de solicitude das axudas será dun mes a partir da publicación no DOG a próxima semana.

- Subvenciónase o cambio de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, cando permitan reducir a potencia instalada nun 30%, así como a instalación de sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación, sempre que posibiliten conseguir un aforro enerxético de cando menos un 20% anual.
 

Santiago, 18 de setembro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, vai ampliar o prazo para a solicitude de axudas correspondentes á primeira edición do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, unha nova liña está a mellorar a eficiencia enerxética a través da renovación das instalacións lumínicas existentes por outras máis eficientes, reducindo así o consumo de enerxía.

O Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior contaba, inicialmente, cun orzamento de case 500.000 euros, que se cubriron na súa totalidade durante os primeiros días de inicio da campaña. Non obstante, e logo de rematar o prazo de xustificacións, existen aínda preto de 170.000 euros dispoñibles debido a renuncias ou faltas de xustificación das mesmas.

Por este motivo, o Instituto Enerxético de Galicia abre un novo prazo de solicitude de axudas por un período dun mes a partir da publicación no DOG a próxima semana, co fin de cubrir completamente o presuposto fixado para unha actuación que, en total, xerará un investimento asociado de aproximadamente 2 millóns de euros; un aforro de enerxía primaria eléctrica estimado en 1.193.570 kWh/ano e a redución de emisións de máis de 180 toneladas de CO2 á atmosfera.

Actuacións subvencionables
A través do Renove de Equipos de Iluminación Interior, o Instituto Enerxético de Galicia está a subvencionar a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables, sempre e cando permitan reducir a potencia instalada en iluminación, polo menos, nun 30%, cumprindo os requirimentos de calidade e confort visual regulamentarios.

Así mesmo, se incentiva a instalación de sistemas de control por presenza e a regulación do nivel de iluminación segundo aporte de luz natural, axustándose ás necesidades do usuario sempre e cando permitan conseguir un aforro enerxético dun mínimo do 20% anual respecto a instalacións sen control ou regulación. Cómpre indicar que o investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable é de 500 euros.


Contía e beneficiarios
A contía máxima da subvención é do 25% do custo elixible da nova instalación de iluminación, cun límite de 1.500 euros por vivenda unifamiliar; de 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e de 25.000 euros por edificio destinado a outros usos, non a vivenda.

Poderán acollerse a estas axudas do Inega as comunidades de veciños, as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado (propietarios de vivendas ou edificios do sector terciario, empresas de servizos enerxéticos, empresas municipais de vivendas, etc.), sempre que a actuación subvencionable se realice en inmobles, edificios de vivendas ou edificios terciarios.

Para a tramitación da axuda, o comprador ten que dirixirse, en primeiro lugar, a un instalador adherido ao Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior para adquirir os materiais obxecto da subvención. A continuación, o instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web habilitada ao efecto, imprimirá os impresos da axuda e o comprador asinará a súa conformidade.

O instalador disporá de 60 días naturais desde o día seguinte á data de reserva de fondos para realizar a instalación; cobrar o importe da factura co desconto da axuda establecida, calculada na aplicación informática e para remitir toda a documentación ao Inega para o cobro da subvención.

O Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior de Economía e Industria incardínase na estratexia global de aforro, á que desde o Instituto Enerxético de Galicia se destina neste exercicio algo máis de 21 millóns de euros para xerar un aforro enerxético superior a 193 mil MWh anuais, un aforro económico de case 16 millóns de euros anuais, unha redución de 78 mil toneladas de CO2 á atmosfera e a xeración dun investimento asociado de 75 millóns de euros.