INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROGRAMA BICIDADÁNS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA OFRECE NO CONCELLO DE NARÓN UN SERVIZO DE PRÉSTAMO CON 72 BICICLETAS

22/09/2011

- O investimento de 140.000 euros por parte do Inega permite a creación de oito bases na localidade.

- 13.000 usuarios de 16 concellos benefícianse xa desta iniciativa da Consellería de Economía e Industria na que se levan investido 2,5 millóns de euros.

- O Inega promove o uso da bicicleta por ser o vehículo máis rápido e eficiente en traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barata que o automóbil.

- A posta en marcha deste proxecto permite un aforro enerxético eqivalente a 197 toneladas de petróleo.

Santiago, 22 de setembro de 2011.- A iniciativa Bicidadáns, programa de promoción de transporte urbano en bicicleta do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, chega hoxe ao Concello de Narón. Grazas ao investimento por parte do Inega de 140.000 euros, este servizo de préstamo ofrece no municipio 72 bicicletas en oito paradas.

O Concello de Narón únese a unha iniciativa na que se levan investido un total de 2,5 millóns de euros. Con esta incorporación, o servizo funciona xa en 16 concellos: Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Redondela, Culleredo, Lalín, O Barco, A Rúa, Noia, Lousame, Porto do Son e Narón. Deste xeito, preto de 900.000 galegos pódense beneficiar deste sistema de préstamo automático de bicicletas de uso público, que conta xa con máis de 13.000 usuarios activos, 86 bases dispensadoras con máis de 1.000 ancoraxes e unha flota de preto de 1.900 bicicletas.

O aforro enerxético derivado estímase en 197 toneladas equivalentes de petróleo ao ano. Deste xeito, a consellería de Economía e Industria, a través do Inega, continúa a promover a eficiencia do sector transporte nos diferentes concellos galegos, aliviando o exceso de conxestión e reducindo o problema medioambiental dos usos fósiles do transporte.

Bicidadáns
A inciativa Bicidadáns insírese dentro das liñas de actuación do Inega no sector do transporte, un dos principais ámbitos consumidores de enerxía, e que ten como fin actuar sobre a mobilidade urbana propiciando unha maior utilización dos medios máis eficientes de transporte.

Con Bicidadáns, a Consellería de Economía e Industria quere ir creando unha cultura a favor da utilización deste medio de transporte, incidindo nas numerosas vantaxes que presenta, sobre todo nos ámbitos urbanos e interurbanos. Este medio de transporte é o máis rápido e eficiente nos traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barato que o automóbil. A súa facilidade de utilización –máis do 90% da poboación sabe andar en bicicleta-, unida ao seu carácter silencioso e non contaminante e a reducida ocupación de espazo son outras das potencialidades engadidas que presenta.