INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA COMEZA MAÑÁ EN LUGO AS XORNADAS INFORMATIVAS SOBRE EFICIENCIA ENERXÉTICA DE CALEFACCIÓNS EN EDIFICIOS

28/09/2011

- Informarase aos participantes sobre o programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética que o Inega desenvolve cada ano.

- Nestas sesións, organizadas polo Inega, presentarase o terceiro Plan de Inspeccións de Eficiencia Enerxética en Instalacións Térmicas, no que se examinaron máis de 1.000 instalacións.

- No conxunto dos tres plans levados a cabo, o Inega examinou preto de 2.300 instalacións térmicas.

Santiago, 28 de setembro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, comeza a impartir mañá en Lugo unhas xornadas formativas sobre o control e o mantemento dos sistemas de calefacción e refrixeración en edificios e industrias, que se encadran dentro do terceiro Plan de Inspeccións de Eficiencia Enerxética en Instalacións térmicas.

Con este terceiro Plan, que se incardina na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, examináronse máis de 1.000 instalacións con máis de cinco anos de antigüidade, cunha potencia mínima de 20 kW en calor ou 12 kW en frío. No conxunto dos tres plans levados a cabo, o Inega examinou preto de 2.300 instalacións térmicas.

O programa de encontros, que van dirixidos aos cidadáns interesados e aos profesionais do sector –administradores de fincas, mantedores, instaladores e propietarios de instalacións-, dará comezo este xoves, 29 de setembro, ás 16.00 h, en Lugo, no Edificio Forcam (Rúa Cantigas e Frores, nº 31). O venres 30 de setembro as xornadas terán lugar en San Cibrao das Viñas, na Cámara de Comercio e Industria (Parque Tecnolóxico de Galicia).

O luns 3 de outubro as xornadas terán lugar en Oleiros, na Oficina de Enmacosa (Polígono Icaria), entidade autorizada pola administración para a realización das inspeccións correspondentes. A última sesión terá lugar o martes 4 de outubro en Sanxenxo, nas oficinas centrais de Enmacosa.

Cada unha das inspeccións realizadas incluíu unha revisión gratuíta completa das instalacións térmicas, así como a elaboración dun ditame coa finalidade de asesorar ao titular da instalación para propoñerlle melloras ou modificacións orientadas a incrementar a eficiencia enerxética.

A realización destas medidas de optimización enerxética son subvencionables mediante o programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética que o Inega desenvolve cada ano, e do que se vai tratar tamén nestas xornadas.

Neste sentido hai que destacar que estas liñas de subvención poden chegar a cubrir ata o 35% do investimento total da obra, e ata un 75% no caso de auditorías e estudos de viabilidade, mentres que as subvencións destinadas a contemplar a incorporación da enerxía solar térmica abranguen, con carácter xeral, un 35% do investimento subvencionable (ata un 45% no caso concreto de instalacións municipais).

  1. Datas e lugares de celebración das xornadas