INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PLAN RENOVE DE ELECTRODOMÉSTICOS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PERMITIRÁ AFORRAR MÁIS DE 560.000 EUROS A MÁIS DE 19.000 FAMILIAS

21/09/2011

- O orzamento para esta actuación de fomento do aforro e da eficiencia ascende a 1.800.000 euros.

- O director do Inega explicou en rolda de prensa que o programa ofrece unha axuda máxima de ata 125 euros por electrodoméstico, non podendo superar o 25% do seu prezo.

- Con esta nova actuación, coa que se incentiva a substitución de electrodomésticos convencionais por equipos de baixo consumo, o Inega avanza no cumprimento da estratexia global da Xunta de potenciar o aforro e a eficiencia enerxética.

- A solicitude de axudas poderá realizarse a partir dos 9 días hábiles contados desde o día seguinte da publicación no DOG, que terá lugar mañá.

- A medida posibilitará un investimento asociado de 7,2 millóns de euros.

director_Inega_PRE2011

Santiago, 21 de setembro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, destina neste exercicio un total de 1.800.000 euros á posta en marcha do Plan Renove de Electrodomésticos 2011, co que se prevé xerar un investimento asociado de 7,2 millóns de euros e axudar a que máis de 19.000 familias aforren un total de 560.000 euros ó ano na súa facturación eléctrica.

O director do Inega, Eliseo Diéguez García, presentou en rolda de prensa esta actuación de promoción do aforro e da eficiencia, maioritariamente no sector doméstico, coa que se subvenciona a substitución de electrodomésticos antigos (frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas, fornos e placas de indución e de gas) por outros equipos con etiquetado enerxético A ou superior.

O obxectivo é reducir o consumo de enerxía nos fogares, ao mesmo tempo que aforrar cartos e contribuír á protección do medio ambiente. O aforro de enerxía eléctrica primaria que permitirá o Plan Renove 2011 estímase en 7.691 MWh, ao tempo que se deixarán de emitir 1.200 toneladas de CO2 á atmosfera.

As axudas á compra destes equipamentos máis eficientes oscilan entre un máximo de 125 euros no caso dos frigoríficos e dos frigoríficos-conxeladores con clasificación enerxética A++ ou superior, e un mínimo de 50 euros para as placas de gas, non podendo resultar a subvención superior ao 25% do prezo do electrodoméstico. No caso das cociñas será subvencionable a substitución de placas eléctricas convencionais ou vitrocerámicas por placas de indución ou encimeras de gas.

A solicitude de subvencións abrirase a partir dos 9 días hábiles contados desde mañá -momento da publicación no Diario Oficial de Galicia-, e poderá realizarse ata o 31 de decembro de 2011, agás que os fondos se esgoten antes. A estas subvencións poden optar persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, sempre que destinen os electrodomésticos eficientes adquiridos ao seu uso particular e residan en Galicia, podendo percibir, como máximo, unha subvención por cada tipoloxía de electrodoméstico subvencionable.

O Plan Renove de Electrodomésticos 2011 encádrase dentro da aposta da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos recursos conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. O programa de actuacións de aforro e eficiencia enerxética posto en marcha polo departamento que dirixe Javier Guerra conta cun orzamento global de 23,7 millóns de euros para 2011 e prevese que xere un investimento asociado de 100 millóns de euros. Así mesmo, estas accións permitirán un aforro en enerxía primaria de preto de 200.000 MWh e evitarán a emisión á atmosfera de 42.000 toneladas de CO2.

Proceso de adhesión e de obtención da axuda
Para optar a esta axuda, o comprador ten que mercar o electrodoméstico nun comercio adherido ao Plan Renove de Electrodomésticos 2011, cuxa listaxe se atopará dispoñible na páxina web do Inega. No momento da compra, o comercio, a través da web, fai unha solicitude de reserva de fondos a nome do beneficiario, procedendo ao cobro da factura co desconto do importe da axuda. Nos seguintes 90 días a entidade colaboradora debe retirar o electrodoméstico antigo, instalar o novo e remitir ao Inega a documentación xustificativa para poder cobrar a subvención.

Un comercio que queira actuar como entidade colaboradora ten que facer unha solicitude, ou renovala se xa participou no Plan Renove na campaña anterior, no prazo de 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG.