INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA FORMARÁ A 100 ALUMNOS DE GALICIA E O NORTE DE PORTUGAL NA XESTIÓN ENERXÉTICA EFICIENTE

19/09/2011

- O Inega organiza un curso de “Xestión para a eficiencia” que permitirá aos participantes afondar en áreas de interese como a xestión enerxética, a edificación sostible, as instalacións eléctricas ou térmicas, ou a integración de enerxías renovables.

- As dúas primeiras sesións terán lugar na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo, mañá martes e o próximo 27, mentres que as seguintes se desenvolverán nas instalacións da Confederación de Empresarios de Ourense os días 4 e 11 de outubro.

- Para o curso, que contará coa presenza de 15 docentes de universidades, administración pública e sector privado, recibíronse máis de 1.200 solicitudes das que se seleccionaron o centenar de alumnos participantes: 33 de Ourense, 43 de Pontevedra e 24 de Portugal, os cales poderán seguir as sesións por videoconferencia.

Santiago, 19 de setembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), organiza o curso “Xestión para a eficiencia”, que se inicia mañá, martes, día 20 de setembro, en Vigo, e que contará con 100 alumnos de Pontevedra, Ourense e o Norte de Portugal, dado que se desenvolve no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).

Todos eles recibirán formación en campos relacionados coa eficiencia enerxética, podendo afondar en diferentes áreas de interese como a xestión enerxética, a edificación sostible, as instalacións eléctricas ou térmicas, o transporte ou a integración de enerxías renovables.

O curso, que contará coa presenza de 15 docentes de universidades, administración pública e sector privado, impartirase ao longo de catro sesións. As dúas primeiras celebraranse en Vigo, os días 20 e 27, na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, mentres que as seguintes terán lugar, o 4 e o 11 de outubro, na sede da Confederación de Empresarios de Ourense. Durante os catro días, habilitarase unha sala dotada de sistema de videoconferencia para que os alumnos de Viana do Castelo que o desexen poidan seguir as clases en directo.

Cómpre salientar que, tras o anuncio do curso, o Inega recibiu máis de 1.200 solicitudes de inscrición, sendo seleccionados, finalmente, un centenar de alumnos procedentes de Ourense -33-, Pontevedra -43- e Portugal -24-.

Proxecto GE2C´s
O Curso “Xestor para a eficiencia” é unha iniciativa que se desenvolve dentro do proxecto GE2C´s,  financiado con fondos FEDER, iniciativa na que participa o Inega xunto con outros seis organismos de Galicia e o Norte de Portugal. O obxectivo do proxecto é mellorar a eficiencia enerxética do sector servizos na Eurorrexión a través da aplicación de medidas concretas, exemplarizantes e transferibles, e que redunden na rendibilidade e competitividade das empresas e organismos, tanto públicos como privados.

Para iso, a iniciativa conta con diversas accións, como este curso, que promoven tanto a dotación de recursos humanos e materiais óptimos para a eficiencia, como a implementación de medidas eficientes e viables desde o punto de vista técnico e económico.

Con estas accións perséguese, en última instancia, a redución dos consumos enerxéticos do sector servizos, ademais de tratar de conseguir unha produción enerxética máis sostible e unha maior sensibilización da sociedade.

 logos_GE2C