INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA CELEBRA A SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE PARA FOMENTAR UN MODELO RESPONSABLE DE TRANSPORTE EN GALICIA

25/08/2012

- A campaña desenvolverase entre o 16 e o 22 de setembro e porá en marcha un Plan de Mobilidade para os traballadores dos servizos centrais da Xunta.

- A Consellería de Economía e Industria reitera a súa aposta por unha mobilidade eficiente que permita importantes aforros económicos e a diminución do impacto ambiental.

- A través das actuacións promovidas pola Consellería que dirixe Javier Guerra no eido do aforro e a eficiencia no transporte acadouse unha diminución das emisións de CO2 en 110.000 toneladas por exercicio.

Santiago, 25 agosto de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, participará na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa que persegue concienciar á cidadanía sobre a importancia do emprego dun transporte eficiente. De xeito que, entre o 16 e o 22 de setembro, poranse en marcha unha serie de actividades relacionadas co sector transporte co obxectivo de seguir mellorando na redución do seu impacto ambiental.

Neste sentido, o Inega elaborará un Plan de Mobilidade para os traballadores dos servizos centrais da Xunta de Galicia, avaliando hábitos de desprazamento e posibles melloras nos mesmos. Tamén farase balance dos avances levados a cabo co proxecto de mobilidade eléctrica iniciado recentemente, tendo en conta que o software especializado para o rexistro da información xerada polos vehículos eléctricos, destinados á elaboración dun estudo demostrativo, contará en setembro cos primeiros datos.

A semana europea da mobilidade servirá, tamén, para facer balance das actuacións desenvolvidas polo Inega no que vai de lexislatura, e que perseguen o fomento dunha mobilidade sostible entre os galegos. Así, téñense implantado máis dunha quincena de servizos de transporte urbano en bicicleta, que ten chegado a preto de 900.000 galegos.

Ademais, elaboráronse anualmente distintos plans de transporte para empresas e centros de traballo co obxectivo de reducir o consumo enerxético nos desprazamentos dos seus traballadores, e executáronse preto dunha quincena de plans de mobilidade urbana sostible, nos que se realizaron desde estudos xerais a estudos específicos para analizar a mobilidade dos concellos e mancomunidades. Estas actuacións incluíron a instalación de infraestruturas de recargas de vehículos eléctricos en varias cidades galegas ou a implementación dun sistema de aluguer para este tipo de coches.

O estudo para a implantación do carril VAO nas principais cidades galegas; o case medio centenar de actuacións para a mellora da xestión de flotas de transporte por estrada; ou a posta en circulación de preto de 800 vehículos eficientes son outras das actuacións fomentadas pola Consellería de Economía e Industria. O conxunto das mesmas permitiu non só importantes beneficios económicos, senón tamén unha importante diminución das emisións de CO2, que se reduciron nunha media de 110.000 toneladas por exercicio.