INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O CICLO DE CHARLAS FORMATIVAS SOBRE O AFORRO E EFICIENCIA ENERXETICA ORGANIZADO POR ECONOMIA E INDUSTRIA NA COMARCA DO DEZA CONTOU COA PARTICIPACION DE 200 GANDEIROS

01/08/2012

- O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, impartiu en Agolada a última xornada desta iniciativa centrada nas explotacións de leite.

- A optimización dos consumos enerxéticos pode supor aforros económicos de máis do 50%.

Santiago, 1 de agosto de 2012.- A Consellería de Economía e Industria finalizou onte, no Concello de Agolada, o ciclo de charlas formativas sobre aforro e eficiencia enerxética en explotacións de leite, posto en marcha a finais de xuño na comarca do Deza, e que permitiu achegar de primeira man a arredor de 200 gandeiros as posibilidades que ofrece esta área para mellorar a súa competitividade.

O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, impartiu onte a quinta destas charlas, que tivo lugar no Centro Social de Agolada. Á conferencia asistiron unha vintena de gandeiros, e na mesma expuxéronse as distintas propostas recollidas no Estudo Sectorial de Aforro e Eficiencia Enerxética recentemente editado polo Inega.

Este documento destaca, en caso de aplicarse as medidas indicadas, posibilidades de aforro enerxético de ata un 35% nas explotacións de leite, o que suporía un aforro económico de máis dun 50%. Así, explicou Diéguez, “se consideramos un consumo enerxético medio por gandería de 150.000 kWh/ano, que implica uns custos aproximados de 11.500 euros, a aposta polo aforro e a eficiencia enerxética permitirán aforrar, cada exercicio, uns 6.300”.

Neste sentido, Diéguez lembrou que a provincia de Pontevedra conta con preto de 2.000 ganderías, o que sumando as posibilidades de aforro e eficiencia enerxética de todas elas, daría un aforro anual de 2,6 millóns.

Entre as accións suxeridas, o director do Inega destacou a instalación de intercambiadores de placas para arrefriar o leite, cun aforro medio do 45%; a posta en marcha de reguladores de velocidade nas bombas de baleiro para axustalas á demanda; ou a adquisición e uso eficiente dos tractores, xa que o gasóleo supón un 69% do consumo enerxético dunha explotación.

Así mesmo, Diéguez resaltou a importancia do aproveitamento das enerxías renovables, como a solar térmica para quentar auga, que adecuadamente ubicada, pode cubrir o 100% da demanda durante os meses estivais; ou a instalación de caldeiras de biomasa que permiten importantes aforros económicos nos custos de combustible.