INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA DIMINUIRA ATA UN 20% O CONSUMO ENERXETICO DO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACION DEPORTIVA DE PONTEVEDRA

13/08/2012

- O Inega porá en marcha medidas que lograrán reducir nun 10% a factura enerxética evitándose a emisión a atmosfera de 1.000 toneladas de CO2 durante os próximos dez anos.
- Substituiranse as caldeiras e os sistemas de calefacción por outros de menor consumo, modernizando os sistemas de regulación e a sala de máquinas na zona da residencia.

- O obxectivo é potenciar a eficiencia enerxética e o aforro nas instalacións fomentando a o aproveitamento dos recursos e incorporando fontes menos contaminantes.

Pontevedra, 13 agosto de 2012.- A Consellería de Economía e Industria está a traballar xunto á Secretaría Xeral para o Deporte na avaliación e desenvolvemento de distintas medidas de aforro enerxético no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. As actuacións, que serán supervisadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), permitirán acadar un aforro enerxético de ata un 20%, o que suporá diminuír o custo da factura enerxética do centro nun 10% aproximadamente, evitando ademais a emisión a atmosfera de 1.000 toneladas de CO2 durante os próximos dez anos.

Para ilo, levaranse a cabo distintas accións que buscan potenciar o aforro e a eficiencia enerxética no centro incorporando fontes menos contaminantes e fomentando o aproveitamento dos recursos. Así, substituiranse as caldeiras e os sistemas de calefacción de gasóleo por gas natural, modernizando os sistemas de regulación e a sala de máquinas na zona da residencia. Ademais, acometerase o cambio de lámpadas fluorescentes por outros máis eficientes, ao tempo que se mellorarán as condicións dos equipos de accionamento eléctrico e se interconectarán os centros de subministración eléctrica dos cinco edificios do complexo.

No ámbito das enerxías renovables, e dados os altos consumos das caldeiras para a xeración de auga quente sanitaria, estúdase a instalación dun sistema térmico mediante a colocación de paneis solares planos na cuberta do edificio, cun sistema de acumulación e intercambio térmico.

Deste xeito, a Xunta de Galicia prosigue o desenvolvemento dunha política enerxética baseada no aforro e na eficiencia como piares básicos, e que se centra no impulso da redución do alto consumo enerxético, coa utilización de recursos renovables, e no favorecemento do uso racional da enerxía.