INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O SECTOR INDUSTRIAL GALEGO PODE AFORRAR UN 10% DE ENERXIA SEGUNDO OS ESTUDOS DA CONSELLERIA DE ECONOMIA E INDUSTRIA

14/08/2012

- O consumo en enerxía da industria galega representa un 48% do total da comunidade.

- Segundo un informe do Inega, as 50 empresas auditadas poden aforrar 3 millóns de euros aplicando medidas de eficiencia enerxética..

- As distintas actuacións permitirían tamén evitar a emisión de máis de 13.000 toneladas anuais de CO2 á atmosfera.

Santiago, 14 agosto de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), desenvolveu durante o 2011 auditorías en distintas industrias galegas, cuxos resultados reflicten que é posible un aforro enerxético próximo ao 10%, o que nas case 50 empresas auditadas podería significar una diminución de custos enerxéticos de 3 millóns de euros por exercicio.

Cómpre salientar que a industria galega representa, aproximadamente, un 48% do consumo enerxético da comunidade, tratándose, polo tanto, dun sector cunha gran marxe de incidencia no campo do aforro e do uso eficiente da enerxía.

Deste xeito, o consumo conxunto das industrias analizadas ascende ata as 42.300 tep/ano, o que supón un custo económico aproximado de 25 millóns de euros. O estudo reflicte que no caso de que se levasen a cabo as medidas de aforro e eficiencia axeitadas, acadaríase un aforro enerxético de case 4.300 tep/ano, o que suporía unha redución dos custos de 3 millóns de euros. Estas cifras permitirían, ademais, evitar a emisión á atmosfera de 13.000 toneladas de CO2 cada ano.

Entre as principais accións propostas destacan a mellora nos equipos de xeración de calor e nos sistemas de xestión enerxética, nos que se poderían obter diminucións dun 5% nos consumos enerxéticos; a mellora nos equipos de calefacción e climatización, con aforros dun 30%; ou a instalación de fontes renovables, con melloras enerxéticas próximas ao 10%.

A Consellería de Economía e Industria prosegue a súa aposta a prol do sector industrial galego, co obxectivo de que as empresas poidan beneficiarse das vantaxes do aforro e a eficiencia como factor clave na mellora da súa competitividade. Nesta estratexia, a Xunta tamén leva desenvolvidos numerosos proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial, nos que se substituíron equipos e instalacións ineficientes por tecnoloxías de alta eficiencia enerxética. Ademais, téñense realizado diferentes estudos de viabilidade de instalacións industrias co obxectivo de mellorar a súa eficiencia neste eido.

Deste xeito, estanse a impulsar no sector industrial importantes investimentos en aforro enerxético coas vantaxes que comporta para incrementar a súa competitividade, contribuíndo a xerar riqueza e emprego na economía galega.