INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA SUMASE AO PROGRAMA RE-ACCIONA DO IGAPE PARA IMPULSAR A EFICIENCIA ENERXETICA COMO FACTOR DE COMPETIVIDADE DAS PEMES GALEGAS

21/08/2012

- Ofrecerase asesoramento ás Pemes sobre os seus consumos co obxectivo de que poidan aforrar custes e enerxía.

- Economía e Industria reforza así o compromiso da Xunta de Galicia polo aforro e a eficiencia enerxética como un dos piares básicos da súa política enerxética.

Santiago, 21 agosto de 2012.- A Consellería de Economía e Industria vén de incluír ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no programa Re-Acciona promovido polo Igape, co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e o emprego de fontes renovables como factor para a mellora da competitividade das pemes galegas. Así, a través desta iniciativa, o Inega desenvolverá servizos de asesoría enerxética, facilitando aos empresarios a posibilidade de facer diagnósticos gratuítos adaptados ás súas necesidades, e ofrecendo os seus coñecementos técnicos para analizar as distintas situacións e propor melloras competitivas no eido enerxético.

Neste sentido, o Inega aproveitará os diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade que inclúe o Re-Acciona para plantexarlles ás empresas a posibilidade de realizar auditorías enerxéticas, facilitándolles xa, de inicio, unha prediagnose. Os interesados poderán afondar no coñecemento dos seus consumos enerxéticos achegando a información oportuna para, así, facelos máis eficientes: descricións do proceso produtivo, facturación, potencia eléctrica contratada, consumo e custe eléctrico actual ou custes en combustibles.

Deste xeito, Economía e Industria ofrece un importante complemento ao programa Re-Acciona, aspirando a mellorar a competitividade das pemes galegas. As distintas actuacións que está a desenvolver o Inega no sector industrial amosan importantes posibilidades de aforro enerxético. Nestes momentos, trabállase en distintos plans de mellora enerxética das pequenas e medianas empresas do sector servizos, nos que se sinalan distintas medidas a adoptar no eido da eficiencia que, debidamente executadas, poderán chegar a supor aforros enerxéticos medios dun 15% nas empresas.

Ademais, realízanse anualmente centos de proxectos e auditorías enerxéticas a industrias dos distintos sectores da economía galega co obxectivo de coñecer a estrutura de consumos e as posibilidades de aforro enerxético, substituíndo as instalacións ineficientes por tecnoloxías de alta eficiencia enerxética, ademais de contar tamén co servizo de asesoría enerxética para pemes, posto en marcha recentemente para facilitar a toma de decisións relacionadas co seu consumo eléctrico.