INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA PROMOVE O AFORRO DE ENERXIA E O EMPREGO DE FONTES RENOVABLES ENTRE OS USUARIOS DO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLANTICAS

23/08/2012

- Unha campaña informativa achega aos visitantes das Cíes consellos útiles para aforrar enerxía no verán.

- A través desta iniciativa, apórtanse recomendacións a seguir tanto estando de acampada nas illas como no resto do verán.

- Durante a súa estancia os usuarios poden empregar enerxía solar para a recarga dos seus móbiles.

- Tamén lembra, de cara a viaxe, que un vehículo circulando a 120 km/h coas barras instaladas e sen carga incrementa o seu consumo un 7%, e se incorpora o portaequipaxes, un 16%.

Santiago, 23 agosto de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver durante este mes de agosto diferentes accións no Parque Nacional das Illas Atlánticas co obxectivo de formar aos visitantes no aforro e na eficiencia enerxética. Estas actuacións encádranse dentro do plan de mellora enerxética posto en marcha de xeito conxunto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o departamento que dirixe Javier Guerra.

Neste contexto, está levándose a cabo unha campaña de difusión do aforro enerxético entre os visitantes do Parque, que facilita aos turistas información mediante a distribución de dípticos nos que figuran diferentes consellos sobre cómo diminuír o consumo enerxético durante a súa estadía nas illas e despois desta.

Na campaña promovida polo Inega achéganse recomendacións como a recarga do móbil a través de cargadores solares, posibilitando así a utilización dunha enerxía gratuíta e non contaminante. Para isto, os visitantes da illa poden solicitar estes cargadores na caseta informativa sobre o emprego de fontes renovables, abastecida a través de paneis fotovoltaicos e recentemente inaugurada dentro do plan de mellora enerxética no Parque Nacional.

Co fin de lograr o aforro enerxético, avógase por pechar as fiestras e baixar as persianas nas horas de máis calor, intentando empregar a climatización natural. Lémbrase tamén que, no caso de empregar o coche de cara á viaxe, hai que ter presente que un vehículo circulando con unha baca sen portaequipaxes incrementa o seu consumo un 7%, e se incorpora o portaequipaxes, un 16%. Ademais, conducir coas ventás baixadas aumenta a resistencia do vehículo e o gasto do combustible ata un 5%.

Durante a acampada ou nas caravanas tamén se recomenda o emprego de iluminación con tecnoloxías eficientes, como lámpadas de baixo consumo ou tipo LED; ou, se se emprega o camping-gas para cociñar, tapar as ollas para diminuír, deste xeito, o consumo de gas.

O plan de mellora enerxética no que se recollen estas actuacións permite, tamén, o desenvolvemento doutras accións, como a instalación dunha caldeira de biomasa que fornece enerxía ao centro de interpretación e ás dúas vivendas do persoal do parque nas Illas Cíes.

Ademais, estase a traballar para por en marcha, no transcurso das próximas semanas, un Plan de Mobilidade Eléctrica para que os traballadores do Parque Nacional dispoñan de bicicletas eléctricas que lles permitan reducir as emisións de CO2 e os consumos enerxéticos durante os seus desprazamentos.