INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

MAIS DE 150 GANDEIROS DA COMARCA DO DEZA RECIBEN FORMACION SOBRE EFICIENCIA ENERXETICA EN EXPLOTACIONS DE LEITE NAS XORNADAS DE ECONOMIA E INDUSTRIA

10/07/2012

- A optimización dos consumos enerxéticos pode supor a estas explotacións aforros dun 35% e redución de custos de 6.300 euros ao ano.

- O director do Inega imparte a terceira charla desta iniciativa na parroquia lalinense de Goiás.

- A importancia do aproveitamento das enerxías renovables; a instalación de intercambiadores de placas para arrefriar o leite; ou a adquisición e uso eficiente dos tractores foron algúns dos temas abordados.

Lalín, 10 de xullo de 2012.- O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, impartiu na noite de onte, en Lalín, unha nova charla sobre aforro enerxético aos gandeiros da comarca do Deza. Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria prosegue os programa formativo posto en marcha a finais de xuño na rexión, e no que leva formados xa máis de 150 profesionais nas posibilidades que ofrece este campo para mellorar na súa competitividade.

A de onte foi a terceira destas charlas, tralas celebradas en Rodeiro e no propio concello de Lalín. O acto tivo lugar na parroquia de Goiás, e ao mesmo asistiron máis de vinte gandeiros, que puideron coñecer as importantes posibilidades de aforro económico que permite a eficiencia enerxética, recollidas no Estudo Sectorial de Aforro e Eficiencia Enerxética recentemente editado polo Inega.

Neste contexto, Diéguez apuntou que, en caso de aplicarse as medidas indicadas, as posibilidades de aforro enerxético ascenden ata un 35% nas explotacións de leite, o que suporía un aforro económico de máis dun 50%. “Se consideramos un consumo enerxético medio por gandería de 150.000 kWh/ano, que implica uns custos aproximados de 11.500 euros, a aposta polo aforro e a eficiencia enerxética permitirá aforrar, cada exercicio, uns 6.300 euros”.

Durante a intervención, achegóuselle ós gandeiros a importancia do aproveitamento das enerxías renovables, como é o caso da solar térmica que, nunha adecuada ubicación, pode cubrir o 100% da demanda de auga quente durante os meses estivais, ou a instalación de caldeiras de biomasa que permiten reducir considerablemente os custos de combustible. Tamén abordou temas como a instalación de intercambiadores de placas para arrefriar o leite que permite un aforro do 45%, ou ben a adquisición e uso eficiente dos tractores.

A través destas charlas aspírase a formar no aforro e na eficiencia enerxética, de modo directo, aos gandeiros da comarca do Deza, estando previsto o seguinte coloquio no Concello de Agolada.