INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

OS PLANS DE MELLORA ENERXETICA DESEÑADOS POLA XUNTA PARA O SECTOR SERVIZOS AMOSAN UN POTENCIAL DE AFORRO DO 15%

10/07/2012

- O Inega lidera o proxecto europeo GE2C´s que busca impulsar a eficiencia enerxética deste sector nas Pemes galegas.

- A iniciativa da Consellería de Economía e Industria abrangue catro grandes áreas de actuación: a formación de profesionais, a elaboración dunha guía para pemes sobre a situación enerxética do sector servizos, a creación dunha rede de eficiencia enerxética, e o estudo sobre a viabilidade das plantas de coxeración.

- Trabállase na instalación dunha planta demostrativa de coxeración en Galicia, un método de transformación enerxética que permite obter aforros superiores ao 30%.

- Máis de 700 profesionais teñen participado nas 8 xornadas técnicas de formación desenvolvidas ata o de agora.

Santiago, 10 de xullo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a impulsar a eficiencia enerxética nas Pemes galegas grazas ao desenvolvemento do programa europeo GE2C´s. Esta iniciativa contempla distintas vías de actuación que inciden na rendibilidade e a eficiencia enerxética das empresas, mellorando a súa competitividade grazas aos importantes aforros que deste campo se derivan.

Así, a través deste programa estanse a levar a cabo plans de mellora enerxética en 15 Pemes do sector servizos de Galicia. Estes traballos sinalan distintas medidas a adoptar no eido da eficiencia que, debidamente executadas, poderán chegar a supor aforros enerxéticos medios dun 15%.

Neste contexto, o proxecto GE2C´s centra a súa actividade en catro ámbitos: a formación de profesionais no eido enerxético, a elaboración dunha guía sobre a situación enerxética do sector servizos na Eurorrexión, a creación dunha rede de eficiencia enerxética para a divulgación de boas prácticas, e o estudo sobre a viabilidade das plantas de coxeración.

Así, estase a desenvolver un amplo programa formativo asociado á eficiencia enerxética, téndose celebrado xa un Curso de Xestor para a Eficiencia que permitiu formar a preto de 100 galegos, e desenvolvendo 8 xornadas técnicas nas que se formaron a máis de 700 profesionais nas vantaxes da coxeración, os sistemas de xestión enerxética, a eficiencia no transporte ou as fontes renovables.

Ademais, trabállase na elaboración dunha “Guía sobre a eficiencia no sector servizos” que se distribuirá entre as Pemes da Eurorrexión, dotándoas dun documento que lles permitirá adoptar medidas de eficiencia enerxética e lles facilite dita implantación.

Plantas de coxeración
Así mesmo, o proxecto continúa cos traballos para a instalación de dúas plantas de coxeración, unha en Galicia e outra en Portugal, que, asentadas en instalacións públicas, terán un carácter demostrativo, servindo de exemplo para amosar as vantaxes dun dos métodos de transformación enerxética máis eficiente xa que permite obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional.

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

 logos_GE2C