INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMIA E INDUSTRIA COLABORA CO CENTRO ASPANAS DE OURENSE PARA MELLORAR A SUA EFICIENCIA ENERXETICA DETECTANDO UN POSIBLE AFORRO DE CUESTES DUN 50%

13/07/2012

- O Inega traballa no desenvolvemento dun convenio de colaboración co centro para implementar medidas de mellora enerxética que permitirían consumir un 16% menos de enerxía.

- Entre as propostas destacan a substitución de lámpadas por outras máis eficientes, a instalación de paneis solares de baixa temperatura, a selección de lavadoras bitérmicas ou o relevo da caldeira de gasóleo por unha de biomasa.

- O obxectivo final é que as actuación poidan ser extrapolables á práctica totalidade do sector servizos, mellorando así a súa competitividade.

Ourense, 13 de xullo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a colaborar coa Asociación de pais a favor das persoas con retraso mental de Ourense (Aspanas) para mellorar a eficiencia enerxética do centro, factor que redundará na diminución dos seus custos de enerxía. Para ilo, o Inega ven de elaborar un Plan de mellora enerxética que desglosa os consumos do complexo neste apartado, propondo distintas actuacións para a súa redución.

O potencial de aforro enerxético detectado no plan de mellora ascende a case o 16% da enerxía consumida polo centro. Así o sinalou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez García, durante unha visita ao complexo na que estivo acompañado pola presidenta da entidade, Maruxa Román. “Esta porcentaxe pódese traducir nun aforro económico do 50% do custo enerxético en caso de adaptar as instalacións para o emprego de biomasa en lugar de gasóleo C ou electricidade”, explicou Diéguez, factor que redundaría en beneficio de todos os usuarios do centro.

As medidas propostas abranguen distintos campos de actuación. No apartado de iluminación proponse a substitución de lámpadas por outras máis eficientes ou a instalación de detectores de presenza, con aforros económicos superiores ao 13%. Pola súa banda, o relevo da caldeira de gasóleo por unha de biomasa permitiría reducir os custes enerxéticos nun 23% anual, amortizándose a inversión en catro anos.

A instalación de paneis solares de baixa temperatura, a selección de lavadoras bitérmicas no momento da súa substitución, ou a incorporación dun economizador para aproveitar a enerxía dos gases de escape da caldeira para quentar auga son outras das medidas propostas dentro do plan de mellora enerxética.

Sobre esta base, a Consellería de Economía e Industria traballa na firma dun convenio de colaboración entre Aspanas e o Inega co obxectivo de axudar ao centro na implementación das accións propostas. Neste sentido, e tendo en conta que unha das demandas enerxéticas máis importantes é a derivada das necesidades de iluminación, o acordo incidirá especialmente neste aspecto, traballándose na substitución de lámpadas por outras máis eficientes e na instalación de sistemas de regulación e control de iluminación.

Aplicación no sector servizos

A Consellería de Economía e Industria aspira a que estas actuacións desenvolvidas en colaboración co centro Aspanas Velle de Ourense poidan ser extrapolables á práctica totalidade do sector servizos, mellorando así a competitividade dunha das principais industrias da economía galega.

Non en vano, o plan de mellora enerxética do centro ourensán encádrase dentro do proxecto europeo GE2C´s, liderado polo Inega, e a través do cal estanse a desenvolver outros 15 programas de optimización enerxética en Pemes galegas. Estes traballos, como no caso de Aspanas, sinalan distintas medidas a adoptar no eido da eficiencia que, debidamente executadas, poderán chegar a supor aforros enerxéticos medios dun 15%.

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

 logos_GE2C