INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOIARA A INSTALACIÓN DE 45 NOVAS CALDEIRAS DE BIOMASA O QUE SUPORA UN AFORRO ECONOMICO QUE SUMA 5,5 MILLONS NA VIDA UTIL DOS EQUIPOS

15/07/2012

- Reduciranse as emisións de CO2 en case 2.300 toneladas ao ano.

- A Consellería, ante a elevada demanda de solicitudes rexistradas, amplía en 200.000 euros o orzamento inicial, que ascendía ata os 900.000 euros.

- En total, xa se desenvolveron máis dun centenar de proxectos para a instalación de caldeiras con alimentación automática, estufas e cociñas calefactoras.

- A contía máxima da subvención ascende ata o 30% do investimento, sendo o máximo por proxecto de 30.000 euros.

Santiago, 15 de xullo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de ampliar en 200.000 euros a liña de axudas destinada ás caldeiras de biomasa atendendo, deste xeito, a elevada demanda rexistrada no número de solicitudes. Este incremento orzamentario, que permitirá a instalación de 45 novas caldeiras, súmase aos 900.000 euros previstos inicialmente para a realización doutros 61 proxectos.

As novas axudas, publicadas esta semana no DOG, contribuirán á redución de emisións de CO2 en case 2.300 toneladas ao ano, acadando importantes aforros económico de mais de 8.000 euros por caldeira ao ano. Neste sentido, cómpre sinalar que o aforro total, nos 15 anos estimados de vida útil para todas estas caldeiras, supera os 5,5 millóns de euros.

Esta ampliación do 22% con respecto ao presuposto inicial para biomasa permitirá a instalación de caldeiras con alimentación automática, estufas e cociñas calefactoras. A contía máxima da subvención ascende ata o 30% do investimento, sendo o máximo por proxecto de 30.000 euros.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria continúa co desenvolvemento da súa estratexia a prol do aproveitamento das fontes renovables como redutoras das emisións de gases contaminantes á atmosfera, e como enerxía gratuíta e inesgotable. Así, dentro do programa de renovables, este ano desenvolveranse, en total, 465 proxectos que permitirán a implantación de instalacións de enerxía solar, caldeiras de biomasa e biogás.