INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A FERRAMENTA DE CÁLCULO DE TARIFAS ELÉCTRICAS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA AXUDARÁ AOS CONCELLOS A AFORRAR EN ENERXÍA

18/07/2012

- A aplicación proporciona un estudo dos consumos, propón melloras concretas e tamén avisa aos concellos que pagan o recargo do 20% no prezo da factura por mor de non ter pasado ao mercado libre

- A aplicación xa está dispoñible na web www.inega.es

Santiago, 18 de xullo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), puxo hoxe en marcha unha ferramenta informática que facilitará aos concellos galegos o cálculo de tarifas eléctricas, amosándolles tanto as posibilidades de aforro neste campo como a contratación da subministración eléctrica máis adecuada as súas necesidades.

“O desenvolvemento desta ferramenta permitirá aos concellos optimizar a potencia contratada e a demanda de enerxía, indicando, en cada momento, as posibles medidas a tomar para mellorar consumos e custos”, apuntou o director do Inega, Eliseo Diéguez García, na presentación desta ferramenta, na que estivo acompañado polo vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares Bermúdez.

Os concellos interesados poden cargar os seus datos de facturación na aplicación, xa dispoñible na páxina web do Inega www.inega.es, cunha clave que se solicita no primeiro acceso e que será validada polo Inega. Estes datos serán analizados propoñendo medidas a tomar no subministro de enerxía para optimizar a potencia e os resultados.

Ademais, a aplicación comprobará de xeito automático que os consumos de enerxía son coherentes e avisará tamén aos concellos que están a pagar un recargo do 20% no prezo da factura por non teres pasado ao mercado libre, ao tempo que permitirá comprobar que os prezos contratados están en consonancia coa demanda enerxética municipal e co tipo de consumo realizado, evitándose que se supere a media de prezos do mercado.

Co desenvolvemento desta ferramenta, a Consellería que dirixe Javier Guerra reitera a súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, favorecendo o aforro enerxético e económico dos concellos galegos. Neste sentido, Diéguez lembrou que a iluminación pública supón o maior gasto en enerxía dun concello, xa que “o consumo medio de enerxía nos municipios ascende a case 13.000 tep/ano, dos cales o 78% corresponde a enerxía eléctrica, sumando a iluminación pública case o 70% deste apartado”.

A Consellería de Economía e Industria está a desenvolver numerosas actuacións coas administracións locais, co obxectivo de que os cidadáns se poidan beneficiar das vantaxes do aforro e a eficiencia enerxética. Durante este exercicio o Inega habilitou un servizo de asesoría enerxética municipal no que se centraliza a atención aos concellos para que poidan resolver e aclarar as distintas dúbidas en campos como a contratación da electricidade no mercado libre, os prezos a pagar pola enerxía ou a modernización do mantemento. Este servizo tamén facilita información sobre empresas de servizos enerxéticos ou con respecto as 9 liñas de axuda que o Inega pon ao seu dispor.