INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROSEGUE EN LALÍN AS XORNADAS FORMATIVAS SOBRE AFORRO E EFICIENCIA ENERXETICA EN EXPLOTACIONS DE LEITE

05/07/2012

- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, imparte a segunda charla desta iniciativa.

- Preto dun centenar de gandeiros da zona adquiriron nocións para mellorar a competitividade das súas explotacións a través da eficiencia enerxética.

- A optimización dos consumos enerxéticos pode supor aforros económicos de máis do 50%.

Santiago, 5 de xullo de 2012.- Lalín acolleu onte a segunda das xornadas formativas centradas no aforro e eficiencia enerxética en explotacións de leite organizadas pola Consellería de Economía e Industria na comarca do Deza, e coas que está a achegar aos gandeiros, de primeira man, as posibilidades que ofrece esta área para mellorar a súa competitividade.

O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, impartiu onte a charla que tivo lugar no Centro Social de Maceira, na comarca de Deza. Á conferencia asistiron máis dunha vintena de gandeiros, e nela expuxéronse as distintas propostas recollidas no Estudo Sectorial de Aforro e Eficiencia Enerxética recentemente editado polo Inega.

Este informe indica medidas que permiten reducir o consumo enerxético ata un 35% nas explotacións de leite, o que suporía un aforro económico de máis dun 50%. Así, explicou Diéguez, “se consideramos un consumo enerxético medio por gandería de 150.000 kWh/ano, que implica uns custos aproximados de 11.500 euros, o aposta polo aforro e a eficiencia enerxética permitirán aforrar, cada exercicio, uns 6.300”.

Neste sentido, Diéguez lembrou que a provincia de Pontevedra conta con preto de 2.000 ganderías, o que sumando as posibilidades de aforro e eficiencia enerxética de todas elas, daría un aforro anual de 2,6 millóns.

Entre as accións suxeridas, o director do Inega destacou a instalación de intercambiadores de placas para arrefriar o leite, cun aforro medio do 45%; a posta en marcha de reguladores de velocidade nas bombas de baleiro para axustalas á demanda; ou a adquisición e uso eficiente dos tractores, xa que o gasóleo supón un 69% do consumo enerxético dunha explotación gandeira. Así mesmo, Diéguez resaltou a importancia do aproveitamento das enerxías renovables, como a solar térmica para quentar auga, que adecuadamente ubicada, pode cubrir o 100% da demanda durante os meses estivais; ou a instalación de caldeiras de biomasa que permiten importantes reducións nos custos de combustible.

Esta foi a segunda charla dunha iniciativa coa que se aspira a formar no aforro e na eficiencia enerxética, de modo directo, aos gandeiros da comarca do Deza, estando previsto o seguinte coloquio o vindeiro luns, tamén no Concello de Lalín.