INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UN PROXECTO DE MOBILIDADE SOSTIBLE DO INEGA ANALIZARA AS VANTAXES DOS VEHICULOS ELECTRICOS

17/06/2012

- A Consellería de Economía e Industria aposta por Galicia como a contorna máis axeitada para o desenvolvemento do coche eléctrico.

- O obxectivo é achegar información útil aos cidadáns sobre o consumo real, a autonomía e o rendemento destes vehículos, para que á hora de mercar un coche valoren a posibilidade de que sexa eléctrico.

Santiago, 17 de xuño de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), acaba de por en marcha un proxecto de mobilidade sostible co que se estudará e analizará o rendemento dos vehículos eléctricos, co obxectivo de achegar á cidadanía as súas vantaxes. Para levar a cabo este proxecto o Inega vén de instalar un software especializado que rexistra a información xerada por estes vehículos, co obxectivo de elaborar un estudo demostrativo.

A Consellería que dirixe Javier Guerra continúa apoiando ás novas tecnoloxías, dirixidas a facer de Galicia a contorna máis axeitada para o desenvolvemento do coche eléctrico. Ao abeiro desta estratexia, o proxecto de mobilidade eléctrica do Inega permitirá achegar á cidadanía información útil sobre o consumo real dos vehículos eléctricos, a súa autonomía, o rendemento e os sistemas de acumulación, permitíndolles tomar decisións á hora de mercar un vehículo, e ofrecéndolles a posibilidade de que valoren que este sexa eléctrico.

Nesta iniciativa empregarase un equipo de análise eléctrico, un sistema GPS que almacena os datos capturados nunha base de datos, unha ferramenta informática para a xestión destes datos, e unha aplicación que relaciona as cifras coas dun motor de combustión en distintos recorridos. O equipo informático posto en marcha está a recoller datos relativos ás características técnicas dos vehículos: autonomía, tempos de recarga e distancia recorrida en cada unha, potencia, rendemento e vida útil.

Nas vindeiras semanas recolleranse todos estes datos e despois realizarase un estudo técnico de carácter demostrativo para identificar, de primeira man, as vantaxes asociadas á implantación e a utilización desta nova tecnoloxía, de cara a impulsar accións que axuden a acelerar o seu desenvolvemento.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria avanza na implantación dun modelo de electromobilidade eficiente no eido da enerxía e eficaz tecnolóxicamente, co obxectivo de converter a Galicia nun polo de desenvolvemento e implantación do vehículo eléctrico.