INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA ACHEGA AOS MAIS NOVOS AS VANTAXES DO AFORRO ENERXETICO E DAS FONTES RENOVABLES COA CELEBRACION DUN ENERGY DAY EN SOTAVENTO

18/06/2012

- A Consellería de Economía e Industria súmase con esta actividade no Parque Eólico Experimental á celebración da Semana Europea da Enerxía sostible.

- O departamento que dirixe Javier Guerra apoia así unha iniciativa que suma máis de 150 actos esta semana en España, e 750 no conxunto de Europa.

Xermade (Lugo), 18 de xuño de 2012.- O director do Instituto Enerxético de Galicia da Consellería de Economía e Industria, Eliseo Diéguez, participou esta mañá na celebración dun Energy Day no Parque Eólico Experimental de Sotavento co que, no marco da Semana Europea da Enerxía Sostible, se busca concienciar dun modo interactivo aos máis novos das vantaxes do aforro e a eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables.

A través dunha visita guiada cun marcado carácter didáctico ás instalacións coas que conta o Parque, os rapaces e rapazas puideron coñecer conceptos relacionados coa importancia e a utilidade da enerxía e a toma de decisións encamiñadas a preservar os recursos naturais, tanto nos seus fogares como na escola.

Así, os estudantes comprobaron, de primeira man as vantaxes do uso eficiente da auga ou da iluminación, ao tempo que puideron analizar o consumo dos electrodomésticos e do resto de equipos dun fogar, ou dos vehículos e bicicletas eléctricas, grazas aos simuladores e medios de transporte cos que conta o Parque. No ámbito das fontes renovables, visitaron a sala de control eólico, ao tempo que descubriron a Vivenda Bioclimática de Sotavento, o funcionamento das caldeiras de biomasa e o das bombas de calor xeotérmico.

Outras actividades
O Energy Day organizado pola Consellería de Economía e Industria encádrase dentro dos máis de 150 actos que se desenvolven en España, e os máis de 750 programados en toda Europa esta semana, co obxectivo de promover a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

Con motivo desta Semana Europea da Enerxía Sostible, o Parque Eólico Experimental de Sotavento ten programadas máis visitas de escolares durante estes días. En total, máis de 150 estudantes visitarán o recinto, coñecendo as posibilidades que se derivan do aforro e a eficiencia enerxética e da aposta polas enerxías limpas.

Deste xeito, ademais de apoiar esta iniciativa comunitaria, a Consellería de Economía e Industria reforza o papel divulgativo deste Parque que, desde a súa posta en funcionamento fai dez anos suma xa máis de 180.000 visitantes que puideron coñecer, a través das súas instalacións situadas nos municipios de Xermade e Monfero, a importancia dun uso responsable e eficiente dos recursos enerxéticos.