INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMIA E INDUSTRIA ACHEGA MAIS DE 3 MILLONS DE EUROS QUE PERMITIRAN IMPLANTAR MEDIDAS DE EFICIENCIA ENERXETICA EN PRETO DE 90 C0NCELLOS GALEGOS

19/06/2012

- Os municipios beneficiarios poderán renovar e auditar as instalacións de iluminación pública exterior existentes, así como as luminarias dos semáforos.

- Os concellos poden chegar a aforrar ata o 50% do custo da factura eléctrica nos equipos substituídos con estas medidas.

- O aforro enerxético estimado supón o consumo de electricidade de preto de 700 familias ao ano e un aforro que pode superar os 5 millóns de euros na vida útil dos equipos.

Santiago, 19 de xuño de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de resolver apoios por máis de 3 millóns de euros, mediante o programa de axudas para o aforro e a eficiencia enerxética, cos que se impulsará a posta en marcha de medidas de aforro enerxético en preto de 90 concellos galegos. Así o deu a coñecer hoxe, en rolda de prensa, o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, quen sinalou que “o desenvolvemento deste tipo de actuacións poden supor importantes aforros económicos de ata o 50% do custo da factura nos equipos substituídos, contribuíndo á mellora da situación financeira das administracións locais”.

Deste xeito, o programa de axudas para o aforro e a eficiencia enerxética desenvolverá preto dun centenar de proxectos relacionados exclusivamente cos concellos, entre os que se inclúen 66 proxectos para a renovación de instalacións de iluminación exterior e de luminarias de semáforos e 29 auditorías enerxéticas.

A Consellería de Economía e Industria reitera, así, o seu compromiso coas administracións locais, facilitando a redución dos seus consumos enerxéticos. Neste sentido, e como recordou Diéguez, “compre salientar que máis da metade da enerxía que consome un Concello corresponde á iluminación pública, apartado que supón o 70% do desembolso económico en enerxía”. Así, e dentro da estratexia global de aforro e eficiencia enerxética que persegue a Xunta, o Inega continúa a prestar unha particular atención aos concellos, co obxectivo de que os cidadáns poidan beneficiarse das vantaxes do aforro e a eficiencia enerxética.

Importantes aforros
Estímase que coa execución destes proxectos se pode obter un aforro enerxético de máis de 2.400.000 kWh/ano, o que supón o consumo de electricidade de preto de 700 familias ao ano. Así mesmo, como sinalou Diéguez, este aforro enerxético suporá un aforro en custes que pode superar os 5 millóns de euros durante a vida útil dos equipos, que oscila entre os 12 e os 15 anos.

Na liña para a renovación de instalacións de iluminación pública exterior e a substitución de lámpadas de semáforos os municipios beneficiarios recibirán unha axuda que alcanza ata o 70% do custo elixible por proxecto. No tocante ás actuacións de iluminación exterior en municipios con máis de 25.000 habitantes, a subvención é do 15% do custo elixible. Pola súa banda, as auditorías enerxéticas a instalacións de iluminación exterior contan cunha axuda do 50%.

A través do desenvolvemento destes proxectos, aspírase a xerar un investimento asociado próximo aos catro millóns de euros entre as empresas do sector. Así mesmo, o programa permitirá, tamén, acadar importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2, a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos, ou o descenso de produtos contaminantes como o mercurio que se atopan en maiores cantidades nas lámpadas antigas.