INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UNHAS SESIONS FORMATIVAS IMPULSADAS POR ECONOMIA E INDUSTRIA ACHEGAN AOS GANDEIROS DA COMARCA DO DEZA AS POSIBILIDADES DO AFORRO E A EFICIENCIA ENERXETICA

20/06/2012

- O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, impartiu en Rodeiro a primeira charla desta iniciativa centrada nas explotacións de leite.

- Tal e como salientou Diéguez ante preto dun cento de persoas, a optimización dos consumos enerxéticos pode supor aforros económicos de máis do 50%.

Santiago, 20 de xuño de 2012.- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, impartiu onte no Concello de Rodeiro a primeira dun ciclo de charlas formativas organizadas pola Consellería de Economía e Industria na comarca do Deza coas que se está a achegar aos gandeiros da zona as posibilidades do aforro e a eficiencia enerxética en explotacións de leite.

Á conferencia, que tivo lugar no centro cultural Manuel Lamazares, asistiron preto dun centenar de gandeiros, e nela Diéguez expuxo as distintas propostas recollidas no Estudo Sectorial de Aforro e Eficiencia Enerxética recentemente editado polo Inega.

Este documento destaca posibilidades de aforro enerxético de ata un 35% nas explotacións de leite, o que suporía un aforro económico de máis dun 50%, en caso de aplicarse as medidas indicadas. Así, explicou Diéguez, “se consideramos un consumo enerxético medio por gandería de 150.000 kWh/ano, que implica uns custos aproximados de 11.500 euros, a aposta polo aforro e a eficiencia enerxética permitirán aforrar, cada exercicio, uns 6.300”.

Neste sentido, Diéguez lembrou que a provincia de Pontevedra conta con preto de 2.000 ganderías, o que sumando as posibilidades de aforro e eficiencia enerxética de todas elas, daría un aforro anual de 2,6 millóns.

Entre as accións suxeridas, o director do Inega destacou a instalación de intercambiadores de placas para arrefriar o leite, cun aforro medio do 45%; a posta en marcha de reguladores de velocidade nas bombas de baleiro para axustalas á demanda; ou a adquisición e uso eficiente dos tractores, xa que o gasóleo supón un 69% do consumo enerxético dunha explotación.

A de Rodeiro foi a primeira charla dunha iniciativa que ten por obxectivo formar no aforro e na eficiencia enerxética, de modo directo, aos gandeiros da comarca do Deza, estando previstos outros coloquios en Agolada, o martes da vindeira semana, e no Concello de Lalín a comezos de xullo.