INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA O AFORRO, A EFICIENCIA ENERXÉTICA E A COXERACIÓN NO SECTOR SERVIZOS

21/06/2012

- O Inega lidera o proxecto europeo GE2C`S, que celebra unha nova sesión de traballo no Parque Eólico Experimental de Sotavento.

- Ao abeiro deste proxecto europeo a Xunta participa nos traballos para a posta en marcha dunha planta demostrativa de coxeración en Galicia.

- A coxeración permite obter aforros de enerxía superiores ao 30%, respecto á xeración convencional de enerxía eléctrica e térmica por separado.

- Este programa tamén permitiu formar a preto de 100 galegos como especialistas en aforro e eficiencia e achegar asesoramento ás pemes galegas neste eido.

Sotavento, 21 de xuño de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a liderar o proxecto europeo GE2C`S, unha iniciativa que ten por obxectivo promover a eficiencia enerxética e a coxeración no sector servizos, establecendo as bases necesarias de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal. Neste contexto, o Parque Eólico Experimental de Sotavento acolleu hoxe unha nova sesión de traballo que permitiu abordar a situación do proxecto e as súas pautas de desenvolvemento.

Durante a xornada, analizouse a situación dos traballos para a instalación de dúas plantas de coxeración, unha en Galicia e outra en Portugal, que, asentadas en instalacións públicas, terán un carácter demostrativo. Este sistema de transformación enerxética, que se basea na produción conxunta de enerxía eléctrica e de calor nunha mesma instalación, é un dos mecanismos de transformación máis eficientes, permitindo obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional de enerxía eléctrica e térmica de xeito separado.

Por outra banda, os sete socios do proxecto, entre os que se atopa a Consellería de Economía e Industria a través do Inega, puxeron en marcha durante o último ano 19 auditorías enerxéticas para recoller información sobre eficiencia enerxética no sector servizos, tanto público como privado. Os resultados destas auditorías empregaranse para elaborar unha guía sobre a situación enerxética no sector servizos na eurorrexión.

Así mesmo, estanse a desenvolver varios plans de mellora enerxética en pequenas e medianas empresas do sector servizos, mentres que no apartado formativo téñense celebrado xa 8 xornadas técnicas sobre as potencialidades de coxeración, os sistemas de xestión enerxética, a eficiencia no transporte ou as vantaxes que ofrecen as fontes renovables. Máis de 700 profesionais dos distintos sectores participaron nestas sesións mellorando a súa capacitación.

Ao abeiro deste programa, desenvolveuse o Curso Xestor para a Eficiencia que permitiu formar a preto de 100 galegos como expertos neste eido, tamén estase a traballar na elaboración dunha guía de cuestións prácticas sobre casos de éxito de aforro enerxético, ou no asesoramento ás empresas, sobre todo pemes, galegas para a implantación de sistemas eficientes de xestión enerxética.


O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

Neste contexto, a celebración da xornada de hoxe en Sotavento permitiu aos membros do proxecto coñecer estas instalacións pioneiras na promoción e estudo das fontes renovables e do aforro e a eficiencia enerxética.

 logos_GE2C