INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMIA E INDUSTRIA LIDERA UN PROXECTO NACIONAL DE ILUMINACION PUBLICA EXTERIOR PARA AUMENTAR O AFORRO ENERXETICO E ECONOMICO DOS CONCELLOS

26/06/2012

- Aplicar melloras de eficiencia enerxética pode supor un aforro dun 35% a un 60% do consumo enerxético en iluminación exterior.

- O Inega, xunto a outros seis socios da Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía, estudará as tecnoloxías de iluminación exterior que existen no mercado, avaliando rendementos e prezos.

- A iluminación pública supón o 53% do consumo enerxético dos municipios e o 70% del gasto económico dos concellos en enerxía.

- A iniciativa comprende unha segunda fase na que se monitorizarán unha decena de instalacións de iluminación exterior, centrándose nas que conten cun maior compoñente innovador.

Santiago, 26 de xuño de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), lidera un proxecto nacional para a elaboración dun estudo que determinará as características reais das distintas tecnoloxías de iluminación exterior que existen no mercado, avaliando as súas características técnicas, as propiedades de iluminación, os rendementos e os prezos.

Deste xeito, a iniciativa achegará ao consumidor final, fundamentalmente concellos, información detallada sobre iluminación pública exterior, apartado que supón o 53% do consumo de enerxía total dun municipio, representando o 70% do gasto económico dos concellos en enerxía. Neste contexto, compre salientar que o aforro de enerxía medio estimado para as instalacións de iluminación exterior ascende, hoxe en día, o 35% do consumo, chegando a acadar valores próximos ao 60% nalgunhas tecnoloxías.

A través deste proxecto, a Consellería de Economía e Industria aspira a reducir os gastos correntes de enerxía e mantemento en iluminación pública exterior, contribuíndo a que os destinatarios, fundamentalmente concellos, poidan modificar a tendencia de incrementos de consumos, e conseguindo modelos máis eficientes enerxeticamente, que redundarán en beneficio dos cidadáns.

Sobre esta base, o proxecto afondará nas distintas opcións que ofrece o mercado neste campo, analizando a eficiencia dos equipos, o estado actual da tecnoloxía ou a súa previsible evolución. Deste xeito, elaborarase un documento que permitirá ao usuario seleccionar as medidas máis oportunas na renovación da súa iluminación exterior.

O proxecto –que conta coa participación doutros seis socios da Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía (EnerAgen)- ofrecerá información sobre as tecnoloxías en iluminación e as diferentes solucións tecnolóxicas que melloran as anteriores, sobre todo en canto á tecnoloxía LED.

Así mesmo, a iniciativa comprende, tamén, unha segunda fase na que se monitorizarán unha decena de instalacións xa existentes de iluminación exterior, prestando especial atención a aquelas que conten cun maior compoñente innovador. Nesta fase de monitorización, poderá atenderse á evolución destas instalacións a medio e longo prazo, afondando nas súas vantaxes e propoñendo posibilidades de mellora.