INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMIA E INDUSTRIA APOIA O DESENVOLVEMENTO DE PRETO DE 420 PROXECTOS DE ENERXIAS RENOVABLES QUE SUPORAN UN AFORRO ECONOMICO DE MAIS DE 37 MILLONS DE EUROS NA VIDA UTIL DAS INSTALACIONS

29/06/2012

- O director do Inega, Eliseo Diéguez, presentou hoxe a resolución de axudas por máis de 2,5 millóns de euros para o fomento de instalacións de enerxía solar, caldeiras de biomasa e biogás.

- Estas actuacións supoñen importantes beneficios ambientais, evitando a emisión á atmosfera de 12.000 toneladas de CO2 ao ano.

- Diéguez subliña a importancia destas fontes dada “a súa gratuidade e inesgotabilidade, así como a contribución ao desenvolvemento da economía local e á creación de emprego”.

Santiago, 29 de xuño de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de resolver apoios por máis de 2,5 millóns de euros mediante o programa de axudas para o fomento das enerxías renovables, co que se impulsará o desenvolvemento de preto de 420 proxectos para implantar instalacións de enerxía solar, caldeiras de biomasa e biogás.

Así o deu a coñecer hoxe, en rolda de prensa, o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, quen sinalou que “a realización deste tipo de actuacións supón, ademais dun importante beneficio ambiental, como a redución das emisións de CO2 en case 12.000 toneladas ao ano, importantes aforros económicos”.

Neste sentido, a través deste programa de axudas para o fomento das enerxías renovables aspírase a acadar, segundo explicou Diéguez, un aforro en custes superior aos 37 millóns de euros durante a vida útil das distintas instalacións, que chega en moitos casos aos 15 anos.

Diéguez subliñou a importancia das fontes renovables como redutoras das emisións de gases contaminantes á atmosfera, subliñando “a súa gratuidade e inesgotabilidade, así como a contribución ao desenvolvemento da economía local e á creación de emprego".

Para a promoción da solar térmica o Inega destinou 600.000 euros, sendo a contía máxima da subvención do 35% do investimento, e ata o 45% para instalacións municipais. Os proxectos seleccionados permitirán instalar aplicacións para quentamento de auga quente sanitaria, combinación de auga quente sanitaria e calefacción, climatización de piscinas, refrixeración solar, etc.

A biomasa recibe este ano unha inxección económica de 900.000 euros, coa que se apoia a instalación de caldeiras con alimentación automática, estufas e cociñas calefactoras. A contía máxima da subvención é do 30% do investimento, ampliable ata o 45% no caso dos concellos, sendo o máximo por proxecto 30.000 euros. Neste campo desenvolveranse proxectos cunha potencia conxunta de máis de 12.300 kW.

Pola súa banda, os 450.000 euros de orzamento para a fotovoltaica conectada á rede permitirán desenvolver proxectos de instalacións integradas arquitectonicamente, cunha potencia máxima de 20 kW. Tamén se apoia a instalación de enerxía solar fotovoltaica illada e de instalacións mixtas.

Por último, o orzamento para proxectos de biogás e gasificación de potencia máxima de 500 kW (produción de enerxía eléctrica e/ou térmica mediante procesos de gasificación de biomasa ou aproveitamento de biogás) suma case medio millón de euros. As axudas ascenden a un máximo do 15% do investimento elixible.