INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA É A PRIMEIRA ADMINISTRACIÓN GALEGA EN OBTER A CERTIFICACIÓN DO SEU SISTEMA DE XESTIÓN ENERXÉTICA

05/04/2012

- A aplicación da norma ISO 50001 permitirá reducir o consumo enerxético global nas instalacións e servizos prestados polo Inega nun 25%.

- Esta norma, a máis relevante a nivel internacional no que a sistemas de xestión da enerxía se refire, persegue incrementar o rendemento enerxético das entidades onde se aplica, aforrar custos e reducir as emisións á atmosfera de CO2.

Santiago, 5 de abril de 2012.- O Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de converterse na primeira administración galega en obter a certificación enerxética ISO 50001, a norma internacional máis relevante no que a sistemas de xestión da enerxía se refire. Así, a través desta certificación, o Inega aspira a reducir nun 25% o consumo enerxético global nas súas instalacións e nos servizos que presta ao tempo que reitera o compromiso co aforro e a eficiencia enerxética como un dos piares básicos da política enerxética posta en marcha por Economía e Industria durante esta lexislatura. “A través desta norma garantimos o mellor desempeño enerxético no desenvolvemento das actividades que realizamos a diario, ao tempo que melloramos na xestión das nosas instalacións e servimos de exemplo á sociedade galega”, apuntou Eliseo Diéguez García, director do Inega.

A normativa ISO 50001 persegue tres máximas fundamentais: incrementar o rendemento enerxético das entidades onde se aplica, aforrar custos e reducir as emisións á atmosfera de CO2. Así, recoñécese o compromiso co medio ambiente e a sostenibilidade por parte do Inega.

Para a obtención de dita norma, o Inega avaliou, nun primeiro momento, o desempeño enerxético das súas instalacións, equipamentos, sistemas e procesos, estimando os seus consumos e adecuándoos ás melloras propostas. Deste xeito, afondouse no consumo de enerxía tanto das instalacións como das actividades asociadas ao Instituto Enerxético, definindo obxectivos e indicadores para a redución de dito consumo e mellorando na xestión enerxética dos recursos dispoñibles.

A ISO 50001 mellorará o desempeño enerxético, a calidade e a incidencia ambiental dos servizos prestados polo Inega: actividades formativas en materia enerxética, a realización de estudos relacionados coa produción e consumo de electricidade e combustión, ou a concesión de subvencións en materia de enerxías renovables e aforro e eficiencia enerxética. A obtención desta certificación súmase ás outras dúas coas que xa contaba o Inega: a ISO 14000, relativa ao medio ambiente, e a ISO 9000, que certifica a calidade.