INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O RENOVE DE CLIMATIZACIÓN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PERMITE A SUBSTITUCIÓN DE 1.300 EQUIPOS POR OUTROS MÁIS EFICIENTES

08/04/2012

- O programa incentivou a instalación de caldeiras de condensación, bombas de calor e equipos de aire acondicionado eficientes con axudas de ata máis de 3.800 euros.

- O plan permite xerar un aforro de enerxía primaria de máis de 143 toneladas equivalentes de petróleo reducindo o consumo das instalacións de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria.

- O número de establecementos adheridos superou os 360, por riba das previsións iniciais, o que supuxo que a demanda de axudas fose tamén moi alta.

Santiago, 8 de abril de 2012.- O Plan Renove de Equipos de Climatización, que a Consellería de Economía e Industria puxo en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), permitiu mellorar a eficiencia no uso da enerxía mediante a renovación de equipos de climatización por outros máis eficientes, instalándose durante os tres meses de vixencia máis de 1.300 caldeiras de condensación, bombas de calor e equipos de aire acondicionado.

Así, e grazas aos 900.000 euros de presuposto, puidéronse apoiar estas actuacións encadradas dentro da aposta da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética. A substitución destes equipos permite un aforro de enerxía primaria de máis de 143 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, o que supón evitar a emisión de máis de 574 toneladas de CO2 á atmosfera. Para iso, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) incentivou a renovación deste tipo de equipos con axudas de ata máis de 3.800 euros.

O número de establecementos adheridos ao Plan, máis de 360, situouse por riba das previsións iniciais, o que supuxo que a demanda de axudas fose tamén en aumento, debido ao bo grao de aceptación deste tipo de actuacións de aforro e eficiencia enerxética entre a cidadanía, como xa vén sendo unha práctica habitual nestas accións impulsadas desde a Consellería de Economía e Industria.