INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS ENTIDADES QUE OFRECEN PLANS RENOVE DO INEGA XA SE PODEN LOCALIZAR NUN MAPA 'ON LINE'

14/04/2012

- A ferramenta atópase dispoñible na web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es- achegando aos usuarios tanto a ubicación como o teléfono e o enderezo dos establecementos comerciais.

- Economía e Industria mellora así a difusión destas liñas de axuda a prol do aforro e a eficiencia enerxética.

- Nestes momentos os cidadáns poden acceder ao Plan Renove de Iluminación Interior e o Plan de Vehículos Eficientes.

Santiago, 14 de abril de 2012.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) acaba de pór en marcha unha nova aplicación informática que, no ámbito dos distintos Plans Renove cos que a Consellería de Economía e Industria promove cada ano o aforro e a eficiencia enerxética substituíndo equipamentos por outros máis eficientes, permite visualizar e localizar no mapa da Comunidade as distintas entidades comerciais colaboradoras nestes programas.

Nestes momentos están activos o Renove de Iluminación Interior, que subvenciona ata un 25% do custo de substitución de equipos por outros máis eficientes, e o Plan de Vehículos Eficientes, destinado á adquisición de híbridos ou a transformación de motores, e que contempla axudas de ata 7.000 euros.

Os usuarios poden acceder á aplicación a través das pestanas de acceso aos Plans Renove dispoñibles na web do Inega –www.inega.es-, premendo no enlace denominado Visor de Entidades Colaboradoras do Plan Renove. No mapa habilitado, unha vez seleccionado o programa de axudas que se desexe, sinálanse os distintos establecementos que participan no mesmo, indicándose o nome, o teléfono e máis o enderezo de cada un deles.

Nesta ferramenta o usuario dispón da posibilidade de mellorar a súa busca tanto por provincias como por municipio, podendo localizar xeograficamente aqueles establecementos que máis lle conveñan. Deste xeito, increméntase a capacidade de visualización e consulta que o consumidor tiña ata o de agora, facilitándose a localización puntual de cada unha das entidades adheridas.