INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA A CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA DAS VIVENDAS GALEGAS

22/04/2012

- O Inega suma 230 solicitudes para incorporase rexistro de veivendas que queren certificarse como edificacións eficientes enerxéticamente.

- O sector da edificación presenta en Galicia un consumo de enerxía final próximo ao 20%.

- O Inega apoia aquelas actuacións enerxéticas en edificios de nova construción que lles permitan alcanzar a cualificación enerxética de clase A ou B.

- A axuda máxima para cualificacións de tipo A chega ata os 50 euros por metro cadrado.

Santiago, 22 de abril de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a impulsar a certificación enerxética dos edificios galegos, sumando preto de 230 solicitudes para incorporarse ao rexistro de vivendas que queren certificarse como edificacións enerxeticamente eficientes. A través de dita certificación enerxética, ademais de cumprir coa normativa neste eido, tamén se favorece á mellora dos rexistros enerxéticos do sector da edificación, que presenta en Galicia un consumo de enerxía final próximo ao 20%.

A certificación enerxética dos edificios permite coñecer os consumos de enerxía que se estiman necesarios para satisfacer a demanda dun edificio nunhas condicións normais de funcionamento e ocupación. A mellora neste apartado supón, ademais dunha revalorización do mesmo e de importantes aforros económicos, a redución de emisións de CO2 á atmosfera.

A certificación de eficiencia enerxética dun edificio permite verificar a cualificación obtida polo proxecto do edificio nesta materia, unha vez terminado o edificio. Trala súa comprobación, procédese á expedición dun certificado de eficiencia enerxética que oscila entre a categoría A e a D.

Neste contexto, compre salientar que o Inega subvenciona aquelas actuacións enerxéticas en edificios de nova construción que permitan alcanzar ao conxunto a cualificación enerxética de clase A ou B. A axuda máxima para cualificacións de tipo A chega ata os 50 euros por metro cadrado no caso de vivendas unifamiliares novas, e aos 30 euros por metro cadrado para edificios. Pola súa banda, para as cualificacións de tipo B a subvención é de 30 euros por metro cadrado nas vivendas unifamiliares, e de 20 nos edificios.

Así mesmo, e co obxectivo de mellorar na eficiencia enerxética no sector da edificación, o Inega está a desenvolver, tamén, varios convenios de colaboración con distintas entidades e organizacións. A través deles, impúlsanse programas formativos nun dos eixos vertebradores do modelo enerxético galego, formando aos profesionais da edificación no fomento do aforro e da eficiencia enerxética.

Co obxectivo de seguir traballando neste campo, compre salientar tamén que o Inega é un dos dez membros nacionais que integran a Comisión Permanente de Certificación Enerxética de Edificios. Un grupo que, durante o último ano, traballou na aprobación dos documentos recoñecidos CE2, CES e CERMA para a cualificación enerxética dos edificios novos.